A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo lanzan o Observatorio de Machismo Dixital ‘Stop Machitroles’ para analizar a violencia machista na Rede
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo poñen en marcha, a través da web da Cátedra de Feminismos 4.0, o Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles, que permitirá analizar distintos tipos de violencias machistas no eido de Internet e as redes sociais.
A través deste espazo web, as persoas poderán denunciar, de forma anónima, as agresións, acosos, vexacións, ridiculizacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera comportamento de carácter misóxino, machista e/ou sexista. Ao finalizar o ano, realizarase un informe no que se dará conta das incidencias recollidas neste Observatorio, co obxectivo de amosar cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas nas que se presenta a violencia contra as mulleres, machismo e a misoxinia na contorna dixital.
Este é unha das novidades da terceira edición, que presentaron este mércores a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na sede da Deputación en Vigo.
“Unha universidade feminista”
Carmela Silva sinalou que “queremos facer unha análise das redes identificando comentarios machistas e misóxinos. Identificar e tamén ser proactivas na creación de deseños e microprodutos culturais para difundir na rede. Análise, e acción para dar resposta aos “ataques brutais e evidentes que sufrimos todas cada día”. A presidenta incidiu “na “extraordinaria” idea de crear e manter esta Cátedra de Feminismos 4.0: “Creo que faltaba. Hai moitísimas iniciativas que teñen que ver coa loita pola igualdade e coa análise da situación das mulleres nas carreiras STEM. Pero faltaba unha cátedra que se dedicara en toda a súa extensión a analizar a era dixital”. Neste senso, incidiu no feito de que “a Universidade de Vigo é unha universidade feminista, e este título convértea nunha referencia cada vez mellor situada a nivel internacional pero, sobre todo, de aposta polo feminismo con ideas avanzadas e accións concretas que cambian, transforman e que van máis alá do discurso”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, lembrou que “na rede o machismo está campando as súas anchas”, facendo que nos atopemos en internet “unha serie de cuestións impensables nas relacións interpersoais que fai moi importante que esta Cátedra manteña os seus estudos”. Reigosa fixo fincapé tamén no fundamental de que na universidade “a metade feminina do talento non deixe fora das súas inquedanzas as carreiras STEM, porque non hai titulacións nin profesións nas que as mulleres deban estar fóra”; e festexou o éxito acadado polas actividades da Cátedra para centrarse no que está por vir: “agora toca o futuro, que son as novas actividades”
Laboratorio de Ideas do Comité
Tamén se creará un Laboratorio de Ideas no marco do Comité de Sabias da Cátedra, no que as sabias desenvolverán propostas a través dunha perspectiva de xénero e outras actividades para propiciar espazos de reflexión común que converxan nun produto científico para difundir posteriormente, a fin de convidar á reflexión de toda a sociedade en torno aos retos que é preciso afrontar para eliminar as barreiras e resistencias sociais e permitir que as mulleres se apropien, accedan e actúen no mundo dixital con igualdade e xustiza e se incorporen a este eido contidos elaborados dende a perspectiva feminista.
No que respecta ao Comité de Sabias, este ano tamén actuará a modo de comité científico do próximo workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado.
Accións de éxito que repiten en 2021
A presidenta da Deputación sinalou que nesta nova edición repetirán accións celebradas en anos anteriores. Entre elas, estarán as axudas á investigación que, debido ao éxito obtido na convocatoria de 2020, impulsaranse nos mesmos termos que as anteriores, adaptándose ás limitacións impostas polo contexto de pandemia actual e ás súas implicacións. Para esta actividade destinaranse 30.000 euros, dos que cada persoa beneficiaria poderá xestionar un máximo de 6.000 euros.
Os Premios GirlGeekCovid continuarán coa súa misión de promocionar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas da Universidade de Vigo. Haberá un Premio de 2.000 euros e un Accésit de 1.000 euros por cada ámbito de estudo: o científico e o tecnolóxico de titulacións dos Campus situados na provincia de Pontevedra (Campus de Pontevedra e Campus de Vigo) .
Ademais, o workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado vaise desenvolver no mes de outubro cunha xornada matinal de conferencias a cargo de investigadoras expertas no ámbito das STEM e o feminismo. Haberá recoñecemento de créditos de libre elección para favorecer a asistencia do alumnado da Universidade de Vigo. A modalidade presencial ou dixital decidirase en función da situación da pandemia.
En paralelo con estas actividades, a Cátedra de Feminismos 4.0 continuará utilizando as súas canles de comunicación, desde a súa propia web, redes sociais e boletín trimestral, para continuar visibilizando a presenza das mulleres nos eidos científico e tecnolóxico e, ao mesmo tempo, denunciando situacións de discriminación e desigualdade contra as mulleres. Para conseguilo, tamén se elaborarán produtos dixitais didácticos e divulgativos sobre diversas temáticas, incluída a difusión da produción científica da Cátedra.
Balance da segunda edición
O reitor da Universidade de Vigo quixo aproveitar a sinatura do convenio da terceira edición da Cátedra para poñer en valor o traballo feito na anterior. Desta forma, salientou as seis investigacións financiadas en 2020, que abordaron, outro outros, temas de actualidade como a misoxinia nas redes sociais (que tivo unha ampla repercusión mediática), a percepción das estudantes ante as carreiras técnicas ou o desenvolvemento dun microcurso de aprendizaxe feminista, de utilidade para empresas e institucións.
Os Premios GirlGeekCovid premiaron o labor e o talento de catro estudantes da Universidade de Vigo con traxectorias brillantes en Ciencias e Enxeñería, que puxeron de manifesto o potencial feminino nas carreiras técnicas.
Pola súa banda, o workshop Hackeando o patriarcado de 2020 contou coa participación de relatoras de enorme nivel, que achegaron as súas experiencias, coñecemento e inspiración de gran valor a moitas outras mulleres e mozas. O evento contou cos relatorios de Montserrat Boix, Coral del Río, Ana Freire, Silvia Rueda Pascual, Luz Castro e Proyecto Una, así como cos obradoiros desenvueltos por BenCuriosa e Macarena Hernández Conde. Como moderadoras participaron a xornalista Selina Otero e a investigadora Soledad Torres.
Entre os seus fitos de comunicación, durante a segunda edición a Cátedra realizou o lanzamento da súa propia web, mantivo unha difusión diaria sobre as temáticas STEM e do feminismo 4.0 e estreou un boletín trimestral que dá conta das súas actividades e publicacións, así como de terceiras entidades.