
A sexta edición dos Premios GirlGeekPower recoñecerá o mércores 17 de decembro os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo nas carreiras de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura
A sexta edición dos Premios GirlGeekPower, unha iniciativa enmarcada na Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, entregará o mércores 17 de decembro ás 11:30 h. os seus galardóns, que recoñecen os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo do curso 2024/2025 en dúas categorías, estudos de Ciencias e Ciencias da Saúde e estudos de Enxeñaría e Arquitectura.
En cada categoría farase entrega de dous distintivos: un premio dotado con 2.000€ e un accésit de 1.000€.
A Directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez Castro, será a encargada de abrir o acto que será clausurado pola Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez. Ambas farán tamén entrega dos diplomas acreditativos ás estudantes premiadas e presentarán ás gañadoras, que intervirán tamén con cadanseu discurso.
O acto celebrarase de forma presencial na Sala Rosalía de Castro sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Eduardo Chao, 17) e tamén se retransmitirá vía streaming a través da UVigoTV – Directo 2.



