Back

Sabias emerxentes

Nesta páxina podes coñecer o perfil de cada unha das Sabias emerxentes da Cátedra de Feminismos 4.0. Este espazo tamén se actualizará con posibles novas incorporacións.

Iria Ollero Cadilla

Durante o Bacharelato foi alumna das Aulas Tecnópole, onde desenvolveu catro proxectos de investigación, obtendo diversos premios en congresos nacionais e tendo tamén a oportunidade de participar en congresos internacionais. Cómpre salientar os premios acadados na feira nacional Exporecerca, así como os tres galardóns obtidos no certame nacional de Xóvenes Investigadores, organizado polo Instituto da Xuventude e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Na actualidade, é unha das persoas encargadas de titorizar proxectos nas Aulas Tecnópole. Ademais, recibiu unha mención honorífica pola súa labor como titora no impulso da investigación entre a mocidade, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e polo Instituto da Xuventude (INJUVE).

Durante os seus estudos de Enxeñaría Biomédica na Universidade de Vigo obtivo o 1º premio GirlGeekPower 2021 na Rama de Enxeñaría, como estudante de grao, e de novo en 2024 como estudante do Máster en Enxeñaría Biomédica.

Actualmente traballa na empresa privada no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos ligados á investigación no ámbito das demencias, empregando realidade virtual. O seu labor céntrase en investigar e desenvolver solucións orientadas á estimulación cognitiva e á mellora da calidade de vida das persoas con demencia.

Rosana Martínez Román

Doutora en ciencias da educación e do comportamento pola Universidade de Vigo. É profesora na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo. As súas liñas de investigación céntranse, principalmente, nas ciberviolencias sexuais e de xénero, na educación afectivo-sexual e na coeducación.

Graduada en Educación Social e Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos, onde foi recoñecida co premio Egeria á inclusión da perspectiva de xénero da UVigo en modalidade de TFM.

Integrante do grupo de investigación PT1. Saúde, sexualidade e xénero, forma parte activamente en proxectos nacionais e internacionais. Como investigadora, ten participado nunha decena de libros, máis de corenta capítulos e ten máis de oitenta publicacións científicas.

Alba Zels Garrido

Graduada en Linguas Estranxeiras pola Universidade de Vigo, actualmente é investigadora en literatura inglesa, e cursa o seu doutorado cun contrato predoutoral financiado pola Xunta de Galicia a través do programa Galicia Investiga Igualdade na UVigo. A súa tese céntrase na representación das mulleres na ficción histórica de Singapur.

No ano 2021, recibiu o premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero da UVigo na modalidade TFG e, mentres realizaba o Mestrado de Secundaria, obtivo unha bolsa formativa na Unidade de Igualdade.

Alba está especialmente interesada en explorar a ficción histórica como medio para recuperar as perspectivas femininas marxinadas e comprender como a literatura da forma á memoria colectiva. Conta con experiencia en análise literario, investigación histórica e metodoloxías interdisciplinarias que combinan literatura, historia e estudos culturais.

Marinha Paradelo Veiga

Graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios: Mención en Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, continuou os seus estudos co Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria. A súa traxectoria artéllase arredor do activismo feminista galego e o traballo académico con perspectiva de xénero, incluíndo a súa experiencia como bolseira na Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

No eido investigador, o seu TFM sobre a representación da loucura en Rosalía de Castro foi recoñecido nos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero. Actualmente é doutoranda do programa de Estudos Literarios e, grazas ao contrato Galicia Investiga Igualdade da Xunta de Galicia, desenvolve a súa tese sobre a intersección entre raza e xénero na narrativa galega e portuguesa.

As súas liñas de interese abranguen os feminismos decoloniais, os ciberfeminismos e os ecofeminismos como ferramentas para imaxinar novos futuros posibles.