As Sabias
Nesta páxina podes coñecer o perfil de cada unha das expertas que forman parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo. Este espazo tamén se actualizará con posibles novas incorporacións neste órgano consultivo e de asesoramento.
Ana Jesús López Díaz (AMIT-UDC)
Doutora en ciencias físicas, é profesora na área de enxeñaría mecánica na UDC e forma parte do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL). Preside AMIT-Galicia e foi durante 8 anos (2012-2020) a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC. Ademáis da súa investigación sobre as aplicación do láser na conservación do patrimonio, na actualidade tamén se interesa pola dimensión de xénero nos procesos de transferencia do coñecemento universitario, tendo publicado recentemente unha análise sobre a fenda de xénero no proceso de avaliación do recente e polémico sexenio de transferencia. Desde a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña foi a responsable da elaboración do Primeiro Plan de Igualdade (2013-2017) e do Segundo Plan de Igualdade (2019-2023) e do Protocolo para a prevención e actuación frente ao acoso sexual e acoso por razón de sexo, levando a cabo ademais distintas accións para promover a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. Recibiu o Premio da Real Sociedade Española de Física, na modalidade “Materiais Didácticos de Física” en “Física+Matemáticas en Acción” 2003.
Ana Vila Concejo
Estudou Ciencias do Mar na Universidade de Vigo. É profesora na Facultade de Ciencias, Escola de Xeociencias de Universidade de Sydney, socia fundadora e presidenta da asociación internacional Women in Coastal Geosciencie & Engineering que promove e traballa activamente para conseguir que haxa un maior número de mulleres en comités, paneis principais dos congresos, postos directivos de revistas de ciencia etc. Tamén realizou, xunto con outras mulleres científicas, un traballo sobre os pasos a seguir para mellorar a diversidade de xénero en xeociencias e enxeñarías costeiras. É Subdirectora de One Tree Island Research Station e co-directora do Instituto de Estudos Mariños da Universidade de Sydney (collaborative leadership con outra muller).
Amparo Alonso Betanzos (UDC)
Catedrática de Intelixencia Artificial e membro do Consello Asesor (CAIA) do Goberno neste ámbito, é unha das maiores expertas nesta temática actualmente e inclúe sempre a perspectiva de xénero nas súas análises para evitar os nesgos sexistas no mundo dixital. Licenciouse en Química na Universidade de Santiago de Compostela e é doutora en Física, en ambos casos con achegas á tecnoloxía en informática (TIC) a través da aplicación de coñecemento experto e datos. Na actualidade e dende 2013 é a presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), ademais de profesora da UDC é coordinadora do grupo de investigación LIDIA. En 2020 recibiu o Premio María Josefa Wonenburger Planells.
Coral del Río Otero (UVigo)
É catedrática de economía aplicada na Universidade de Vigo e doutora en economía pola Universidad Carlos III de Madrid. Os seus traballos insírense dentro da economía feminista, sendo a súa principal liña de investigación a análise económica da desigualdade e da pobreza, especialmente no que se refire ás desigualdades orixinadas no mercado laboral: desemprego, discriminación salarial e segregación ocupacional por razón de xéneo, raza, status migratorio e orientación sexual. Pertence ao grupo de investigación ECOSOT “Economía, Sociedade e Territorio” e a agrupación estratéxica ECOBAS. Foi integrante da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, e a primeira directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo. En 2016 recibiu o Premio de Igualdade Ernestina Otero Sestelo, outorgado polo Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.
Dhaunae de Vir
É oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo e Madrid traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. É especialista en esports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
Edita de Lorenzo (UVigo)
É profesora e doutora enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, foi a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñaría en Galicia, entre outros importantes logros, como é a súa investigación sobre a aplicación de técnicas de radar ao problema da detección de cancro de mama, o impulso do dominio.gal (é a secretaria xeral da Asociación PuntoGal) e a fundación, xunto a outras mulleres, da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineering). Ademais é vogal (experta en tecnoloxía) da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia dende 2011, e é Vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia dende 2017.
Encina Calvo Iglesias (USC)
Profesora de física na USC, realizou a Guía Docente con Perspectiva de Xénero de Físicas, unha guía de referencia nacional. Como divulgadora científica traballa para incrementar as vocacións STEM nas rapazas e visibilizar o papel das mulleres na ciencia. Coordina a actividade Unha Enxeñeira ou científica en cada cole. Recibiu o Segundo Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia por unha experiencia de innovación educativa desenvolvida nos cursos 2016-2017 e 2017-18 na materia de Física do Grao en Enxeñería Química da USC, co obxectivo de dar a coñecer a historia e logros de científicas, enxeñeiras e inventoras entre o alumnado desta titulación e proporcionar referentes femininos no ámbito científico-tecnolóxico.
Mª Luz Castro Pena
Estudou Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña. É socia fundadora da empresa galega imaxin|software, deseñadora de videoxogos, divulgadora e docente nos graos de Comunicación Audiovisual e Creación dixital, animación e videoxogos, así como no mestrado en Deseño, desenvolvemento e comercialización de videoxogos da UDC. Formadora en Gamificación no Máster de Marketing Dixital da USC. Docente e titora dos cursos de Identidade Dixital e Formación en Igualdade da Xunta de Galicia. Cunha intensa labor asociativa, foi cofundadora da Plataforma polo Galego na Informática, Startup Galicia, videoxogo.gal e da Fundación Museo do videoxogo de Galicia (MUVi), da que é vicepresidenta. Recibiu o primeiro premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.
Mari Lires (UVigo)
Profesora de didáctica das ciencias experimentais, pioneira e experta en Estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Xénero e Educación Dende 2000 foi profesora da Universidade de Vigo no departamento de Didácticas Especiais da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. Codirixiu o grupo de investigación CIES e foi vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero da Universidade. Entre 2012 e 2020 formou parte da “Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade” no Consello da Cultura Galega, na que participou con publicacións e como relatora. En 2017 foi galardoada co Premio Uviguala 2017 da Universidade de Vigo polo seu compromiso coa igualdade de xénero.
Mª José R. Malmierca
É a responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) dende 1999. É doutora en Educación, especialidade en tecnoloxía educativa e Licenciada en Filoloxía Inglesa e DEA en tecnoloxía educativa. Tivo contacto coa informática dende pequena grazas ao seu pai, un dos primeiros profesores de informática en FP nos anos 80. Das primeiras exploracións da web, de aquela casi toda en inglés, formouse na linguaxe HTML e comezou a deseñar páxinas web, en especial escolares, e a impartir formación neste eido. Dende o seu traballo no CESGA, ten participado en múltiples proxectos de educación e TIC. Está involucrada en iniciativas que promoven a presenza das mulleres nas TIC, como o proxecto europeo que lideró no 2012: ICT-Go-Girls! Promoting entrepreneurship among secondary school girls through ICT, a celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC no CESGA, dende o 2013. Tamén participa no programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole. Coordinadora do contido da primeira Mobile Week Coruña en 2018, ten participado como xurado dos premios Prismas 2019 e na cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal.
Marta Macho Stadler (UPV/EHU)
Matemática e divulgadora científica, é a editora da web Mujeres con Ciencia, referente fundamental para visibilizar e coñecer a obra e biografía das mulleres científicas, polo que recibiu varios premios, entre eles o Premio Emakunde de Igualdade 2016. É profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco e especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa.
Purificación Mayobre
É profesora xubilada de Filosofía na Universidade de Vigo, e ten un destacado percorrido como militante feminista, cun traballo dedicado sobre todo a cuestionar a realidade desde unha óptica filosófica. É autora de libros como Micromachismos invisibles, Xénero e política. Comportamento electoral e participación social da muller ou A cuestión de xénero e a marxinación. Servicios sociais e recursos específicos para a muller.
Soledad Torres Guijarro (UVigo)
É Enxeñeira de Telecomunicación (Universidade Politécnica de Madrid – UPM, 1992) e Doutora Enxeñeira de Telecomunicación (UPM, 1996), especializada en Tratamento Dixital de Sinais. Na actualidade é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Anteriormente, foi profesora na Universidade Carlos III de Madrid, Universidade de Valladolid e Universidade Europea de Madrid, e investigadora na Universidade Politécnica de Madrid e no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia. Os seus intereses como investigadora inclúen o Procesado Dixital de Sinais de audio e acústicas e a acústica submarina. Tamén a promoción das vocacións científico-técnicas femininas, e a incorporación da perspectiva de xénero na investigación. Actualmente actúa como enlace de Igualdade entre a escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo.
Susana Martínez-Conde
É científica neuronal, catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía, e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Doutorouse na USC para, a continuación, trasladarse aos EE.UU. a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel na Universidade de Harvard. Actualmente é profesora na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Recibiu o EyeTrack Award polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York, e o Premio 100 Españois.
Lorena Fernández Álvarez
É enxeñeira informática e directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto. Tamén forma parte do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations para analizar o impacto de non incorporar a perspectiva de xénero na intelixencia artificial. Colabora no programa de radio “Hoy por Hoy Bilbao” da Cadena SER desde 2009 cunha sección sobre novas tecnoloxías. Ademais, é xurado do premio Ada Byron á muller tecnóloga e mentora do proxecto Inspira STEAM, unha iniciativa que busca o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. Creou, xunto a Pablo Garaizar e Íñigo Maestro, o xogo de mesa Nobel Run.