Así foi a entrega dos Premios GirlGeekCovid 2023

A terceira edición dos Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa enmarcada na Cátedra de Feminismos 4.0, entregou, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, os seus galardóns, que recoñecen os mellores expedientes femininos nas carreiras de ciencias e enxeñaría e arquitectura da Universidade de Vigo, áreas nas que as mulleres seguen representando unha porcentaxe menor respecto aos homes que cursan este tipo de especialidades. Isto é, na rama de enxeñaría e arquitectura a porcentaxe de mulleres matriculadas é do 22% mentres que no caso das ciencias o número flutúa dentro dos límites do equilibrio.

En total, foron entregados catro recoñecementos: un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (ciencias e enxeñaría), dotados cunha cuantía económica de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

As galardoadas co primeiro premio en ciencias e enxeñaría e arquitectura foron Esther Lago Sampedro e Henar Mariño Bodelón, respectivamente. No caso dos accésit, Iliana Durán Alonso obtivo o correspondente a ciencias e Laura Núñez Álvarez o de enxeñaría e arquitectura.

– Podes ver a entrega completa dos Premios na web da UVigoTV, no seguinte enlace.