Back

Póster científico / 7ª edición Cátedra Feminismos 4.0

Avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero

O proxecto IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero analiza o papel das ferramentas de intelixencia artificial xerativa nos procesos actuais de acceso, busca e verificación da información, poñendo o foco nos riscos asociados á reprodución de nesgos de xénero e á fiabilidade dos datos ofrecidos. Nun contexto no que plataformas como ChatGPT, Gemini, Perplexity ou Copilot comezan a substituír os buscadores tradicionais, a investigación cuestiona en que medida estas tecnoloxías poden considerarse fontes fiables para a verificación informativa.

O estudo baséase na análise das respostas xeradas por diferentes sistemas de IA sobre vinte personalidades vencelladas a Pontevedra —dez mulleres e dez homes— pertencentes a ámbitos como a ciencia, a política, a comunicación, a cultura ou o deporte. A avaliación realizouse a partir de criterios como a precisión factual, a ausencia de alucinacións, a coherencia interna, a calidade formal, a transparencia nas fontes, a proactividade cara á persoa usuaria e a sensibilidade en termos de equidade e xénero.

Os resultados amosan diferenzas significativas entre ferramentas: ChatGPT destaca como a máis fiable e coherente, mentres que outras presentan limitacións importantes na citación de fontes ou altas taxas de erros. Ademais, detéctanse nesgos de xénero en dúas de cada dez respostas analizadas, o que evidencia a necesidade de manter unha actitude crítica ante o uso destas tecnoloxías.

O proxecto conclúe cun decálogo de boas prácticas para empregar a IA na verificación da información desde unha perspectiva feminista, promovendo a alfabetización dixital crítica, o uso consciente das ferramentas e o papel insubstituíble do criterio humano na construción dun ecosistema informativo máis xusto e rigoroso. 

Equipo:

Martínez Rolán, L. X., Dafonte Gómez, A., Míguez González, M. I., Corbacho Valencia, J. M., Piñeiro Otero, T., Castro Souto, L. M. e Padilla Castillo, G.