Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra
O proxecto Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra analiza o impacto da intelixencia artificial xerativa na creación de avatares virtuais e os riscos que estes novos actores dixitais presentan en relación coa reprodución de estereotipos de xénero e dinámicas de hipersexualización. A literatura recente sinala que moitos destes modelos están condicionados por bases de datos saturadas de imaxes femininas sexualizadas, o que contribúe á consolidación de representacións limitadas e normativas do corpo das mulleres no espazo dixital.
Desde unha perspectiva feminista, o proxecto propón documentar estes riscos e explorar modelos alternativos de representación, apostando por unha cultura visual máis diversa, inclusiva e crítica. A investigación desenvolveuse mediante unha metodoloxía Delphi en dúas roldas de cuestionarios online, combinando análise cualitativa e estatística descritiva, coa participación de persoas expertas procedentes de diferentes ámbitos académicos da Universidade de Vigo e da Cátedra de Feminismos 4.0.
Os resultados evidencian un alto grao de estereotipación nas imaxes xeradas por IA, así como a identificación de causas estruturais vinculadas ás lóxicas de mercado das plataformas dixitais. Tamén se sinalan riscos específicos para as novas xeracións, como a frustración e a inseguridade corporal. Como resposta, proponse a diversificación dos datos de adestramento da IA e a creación de avatares adaptables ás características das persoas que representan.
O proxecto culmina no deseño colaborativo de cinco prototipos e na creación final dun avatar virtual, Alicia, concebido como unha alternativa crítica e feminista á representación hexemónica, poñendo en valor a pluralidade das identidades e cuestionando os límites da tecnoloxía nun contexto capitalista dixital.
Equipo:
- Javier Abuín-Penas
- Diana Ramahí-García
- Patricia Dopico-Rodríguez

