Comité de Sabias
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo nace para dar resposta a dúas cuestións urxentes. A primeira: identificar cales son os retos da sociedade dixital para que as mulleres accedan a ela en condicións dignas e igualitarias. A segunda: definir as accións que deben impulsarse para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes no universo dixital.
Nesta páxina coñecerás os seus obxectivos, composición, a súa declaración fundacional e as súas propostas de acción para promover a incorporación e o papel das mulleres como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter, deste xeito, os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, nas empresas emerxentes ou start-ups do eido tecnolóxico e científico.
Obxectivos








As sabias
O Comité de Sabias está formado por 15 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas. Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, con consolidadas traxectorias e autoridades nas súas materias. Todas suman a súa experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.
As Sabias emerxentes
A figura de Sabias emerxentes nace para ampliar o ecosistema da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO‑UVigo, incorporando voces novas que están a investigar e traballar desde a tecnoloxía, os Estudos de Xénero e as violencias machistas dixitais. Trátase de investigadoras e profesionais que achegan miradas críticas, prácticas innovadoras e experiencia situada sobre os impactos da dixitalización nas vidas das mulleres, en diálogo co Comité de Sabias e co conxunto de actividades da Cátedra.
As Sabias emerxentes configúranse como un espazo de referencia e aprendizaxe interxeracional, que reforza a misión da Cátedra de promover a igualdade no ámbito dixital e nas áreas CTEM, impulsar unha investigación feminista rigorosa e combater o machismo dixital e as novas formas de violencia facilitadas pola tecnoloxía. A través da súa participación, contribúen a tecer redes, xerar referentes e deseñar respostas colectivas para transformar o entorno tecnolóxico desde unha perspectiva feminista.

Declaración fundacional
O Comité de Sabias recolle os seus principais obxectivos na súa declaración fundacional, elaborada tras a realización da súa primeira reunión. Nela presentan as liñas xerais da súa estratexia de actuación, que persigue unha maior presenza, participación e visibilidade das mulleres na sociedade dixital.



