Os Premios GirlGeekCovid premian o talento feminino en carreiras de ciencia e enxeñaría da Universidade de Vigo, áreas onde as mulleres apenas representan o 32% do alumnado
A segunda edición dos Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa enmarcada na Cátedra de Feminismos 4.0, entregou, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, os seus galardóns, que recoñecen os mellores expedientes femininos nas carreiras de ciencias e enxeñaría da Universidade de Vigo, áreas nas que as mulleres apenas representan o 32% do alumnado.
En total, outorgáronse catro recoñecementos: un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (ciencias e enxeñaría), dotados cunha cuantía económica de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
As galardoadas co primeiro premio en ciencias e enxeñaría foron Ana Ramírez Iglesias e Marielena Márquez Barreiro, respectivamente. No caso dos accésit, Uxía López González obtivo o correspondente a ciencias e Andrea Busto Castiñeiras o de enxeñaría.
Reivindicar os seus éxitos e contribucións
“Estamos aquí para reivindicar que se valoren os nosos éxitos e as nosas contribucións nun mundo no que ademais das dificultades convencionais temos que afrontar aquelas que derivan do feito de ser mulleres”, recalcou tras recoller o premio Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada da UVigo e gañadora na categoría de Ciencias.
No caso da gañadora na categoría de enxeñaría e estudante do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación, Marielena Márquez, animou a todas as alumnas universitarias a seguir loitando por que “as mulleres sexan visibles en todos os ámbitos da ciencia e a tecnoloxía”.
Pola súa banda, Uxía López, accésit na rama de ciencias e alumna do Grao en Química, asegurou que “calquera alumna e alumno quere que o seu traballo sexa recoñecido, de aí que a iniciativa destes premios sexa moi axeitada e necesaria”. Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación e accésit na rama de enxeñaría, expresou o seu desexo de “ser a última muller en agradecer calidades como a resiliencia e a humanidade. A resiliencia non debe considerarse valentía e a humanidade debe darse por suposta”.
Catro mulleres que son unha “esperanza para todas nós”
A apertura do acto correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que se referiu ás premiadas como “catro mulleres novas, moi valentes e esperanza para todas nós”. Tal e como destacou na súa intervención, neste momento a Intelixencia Artificial, que forma parte do día a día da sociedade, desde os móbiles ata as redes sociais, “non soamente ten pensamento de home, senón que ten un pensamento machista” e isto é algo que só pode corrixirse cun mundo no que o 50% da tecnoloxía a fagan os homes e o outro 50% as mulleres. “Desde que nacemos oriéntasenos cara a onde temos que ir, elas cara aos coidados, no senso máis amplo da palabra, e eles cara aos liderados e a toma de decisións, a construción da intelixencia de todo tipo, a dirección, a investigación… E, polo tanto, cando temos que decidir estamos xa estereotipados e estereotipadas”.
Tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, insistiu na súa intervención na necesidade de que as mulleres ocupen a metade do espazo, tanto nas carreiras tecnolóxicas como nas científicas. “Penso que o mellor xeito de que as nosas rapazas sintan que poden desenvolver aquilo que lles gusta é que non haxa estereotipos cara as titulacións, e para iso precisámosvos como referentes”, recalcou Reigosa. “Vexo catro mulleres moi novas, coas ideas moi claras e que estou seguro que van funcionar como referentes para que esta loita, que é de toda a sociedade que quere a igualdade, incluídos a maior parte dos homes, non decaia nunca”.
A fenda e os estereotipos de xénero persisten
Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2021, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas: artes e humanidades, ciencias da saúde, e ciencias sociais e xurídicas, cunha sobrerrepresentación do 72%, 76% e 61%, respectivamente.
Doutra parte, do mesmo xeito ca o ano anterior, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes e o 23% mulleres. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM ou CTEM (siglas en inglés e español de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres.
Por tanto, apréciase que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.
Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo, asegurou que, pese a que hoxe en día as mulleres son maioría nas universidades galegas, “aínda estamos pouco representadas nalgúns ámbitos como o STEM e, máis en concreto, nas disciplinas PECS (Physics, Engineering, Computer, Science). Porén, amosouse convencida de que, seguramente en breve, “revertirase esa tendencia”. Para conseguilo, sinalou que “é preciso ciencia e conciencia, convicción e confianza, como a que amosan as gañadoras dos premios GirlGeekCovid”.
Segunda sesión do obradoiro de autodefensa dixital
Pola tarde, de 16 a 18 h, o colectivo Donestech impartiu a segunda sesión do obradoiro práctico en formato online sobre autodefensa dixital feminista con perspectiva de xénero, que celebrou a súa primeira xornada o pasado 27 de xaneiro. A través deste taller, as persoas participantes puideron coñecer e combater os distintos tipos de violencias machistas dixitais.
?️ Podes ver a entrega completa dos Premios na web da UVigoTV, no seguinte enlace.