Entrega dos Premios GirlGeekCovid 2023
A terceira edición dos Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa enmarcada na Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, entregou, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, os seus galardóns, que recoñecen os mellores expedientes femininos nas carreiras de ciencias e enxeñaría e arquitectura da Universidade de Vigo, áreas nas que as mulleres seguen representando unha porcentaxe menor respecto aos homes que cursan este tipo de especialidades. Isto é, na rama de enxeñaría e arquitectura a porcentaxe de mulleres matriculadas é do 22% mentres que no caso das ciencias o número flutúa dentro dos límites do equilibrio.
En total, foron entregados catro recoñecementos: un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (ciencias e enxeñaría), dotados cunha cuantía económica de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
As galardoadas co primeiro premio en ciencias e enxeñaría e arquitectura foron Esther Lago Sampedro e Henar Mariño Bodelón, respectivamente. No caso dos accésit, Iliana Durán Alonso obtivo o correspondente a ciencias e Laura Núñez Álvarez o de enxeñaría e arquitectura.
A importancia dos referentes femininos
“En primeiro lugar quero dar os parabéns ás miñas compañeiras e ao resto de mulleres científicas que abriron o camiño para que hoxe poidamos estar nós aquí. Os referentes femininos que tiven ao longo da miña vida foron os que me impulsaron a facer isto. Grazas a estes premios estamos a darlle a oportunidade ás demais de seguir os seus estudos por esta rama e a conseguir que nun futuro as palabras ciencia e muller non chamen a atención cando vaian xuntas na mesma frase”, recalcou tras recoller o premio Esther Lago Sampedro, estudante do Grao en Química da Uvigo e gañadora na categoría de Ciencias.
No caso da gañadora na categoría de enxeñaría e arquitectura é estudante do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación, Henar Mariño Bodelón, aludiu a “grande iniciativa que supón a creación destes premios, non só para recoñecer o esforzo, senón para reivindicar e visibilizar o traballo das mulleres no STEM.”.
Pola súa banda, Iliana Durán Alonso, accésit na rama de ciencias e alumna do Grao en Bioloxía, asegurou que “recibir este premio inspírame a loitar polos meus soños e a animar ás demais mulleres a que o fagan. Xuntas podemos romper as barreiras de xénero e lograr así que o mundo sexa un lugar mellor para as persoas”.
Laura Núñez Álvarez, alumna do Mestrado Universitario en Enxeñaría Industrial e accésit na rama de enxeñaría e arquitectura, aproveitou as súas palabras para agradecerlle aos seus seres máis achegados o seu apoio nesta etapa. Núñez resaltou que “é importante que a sociedade teña claro que as mulleres podemos ter éxito e somos totalmente necesarias en todos os ámbitos profesionais. Os estereotipos de xénero non deberían ser un impedimento á hora de escoller unha carreira profesional”.
Catro mulleres que son unha inspiración para as que veñen detrás
A apertura do acto correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que puxo en valor o esforzo e a dedicación das catro mulleres gañadoras. Referíndose ao seus traballos engadiu “emocióname ver o voso compromiso coas mulleres para que ocupen espazos nestas áreas que son fundamentais para o desenvolvemento”. Destacou na súa intervención tamén o grande peso que tiveran os referentes femininos nas carreiras destas catro rapazas, facendo fincapé nas súas profesoras de secundaria e bacharelato no ámbito das ciencias, que as inspiraran nos seus propios camiños. Sobre isto engadiu que “as mulleres precisamos de máis referentes para sabermos que antes de nós houbo outras, sen eles, cremos que estes ámbitos non son nosos e afastámonos deles aínda que no pasado conseguiramos destacar.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na súa intervención, agradeceu os esforzos no ámbito da igualdade da Deputación de Pontevedra xunto cos da Unidade de Igualdade. Engadiu que “o camiño da igualdade está mal empedrado e é difícil de transitar, pero a conquista que se fai en cada xeración é un paso máis cara o obxectivo e hai que defendelo. Ogallá algún día non sexan necesarias medidas para sermos iguais homes e mulleres.” Tamén destacou a forza que conseguen a Universidade de Vigo a Deputación cando se unen nestas iniciativas.
A fenda e os estereotipos de xénero persisten
Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2022, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas: artes e humanidades (73%) ciencias da saúde (78%), e ciencias sociais e xurídicas, onde as mulleres representan o 60% do alumnado total matriculado.
Doutra parte, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes, unha proporción que perdura ao longo dos últimos anos. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM ou CTEM (siglas en inglés e español de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres. Porén, nalgúns casos como no grao de Enxeñaría Aeroespacial e no grao de Intelixencia Artificial estase a evolucionar cara unha representación equilibrada no número de mulleres e homes matriculados. Esta mudanza nos datos déixanos intuir que se está iniciando un cambio de tendencia neste senso.
Cómpre sinalar que os números coinciden cos do sistema universitario español. Noutras universidades do Estado, a segregación horizontal afecta a todo o alumnado de grao por rama de coñecemento dun modo análogo ao que se constata na Universidade de Vigo.
Por tanto, apréciase que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.
Os premios mudarán de nome na próxima edición
Na súa intervención, a presidenta da Deputación Carmela Silva anunciou tamén o novo nome que levarán os premios nas próximas edicións. Estes pasará a chamarse Girl Geek Power, para enfatizar o poder que as mulleres están a conseguir cada vez máis nos ámbitos STEM, sobre todo a través de expedientes tan excepcionais como os das premiadas.
Así, na súa próxima edición os premios Girl Geek Covid mudarán a súa nomenclatura para deixar dunha vez por todas atrás o termo “covid” que fai referencia a unha etapa que afortunadamente superamos. O seu inicio sitúase no 2020, un ano que sen dúbida recordaremos sempre polo impacto mundial da pandemia da Covid-19. A día de hoxe a situación mudou favorablemente e parece ser hora de seguir avanzando cara a normalidade plena, deixando atrás o “covid” e mudándoo polo “power”.