
EUREKA
Eureka é unha proposta formativa impulsada pola Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO‑UVigo, dirixida ao alumnado da ESO dos centros educativos da provincia de Pontevedra. O programa nace co propósito de achegar ás aulas unha mirada crítica e igualitaria sobre a ciencia e o mundo dixital, aliñada cos obxectivos da cátedra de promover vocacións femininas nas áreas CTEM e combater a desigualdade de xénero no ámbito dixital.
A acción estrutúrase nunha única sesión de 120 minutos en horario lectivo, desenvolvida na aula ordinaria de cada grupo. Esta duración permite combinar momentos expositivos, dinámicas participativas e espazos de reflexión compartida, garantindo un ritmo respectuoso e coidadoso co alumnado.
Eureka céntrase en dous eixos principais: por unha banda, visibilizar o papel das mulleres na ciencia, recuperando biografías e achegas historicamente silenciadas e promovendo referentes próximas e inspiradoras; por outra, abordar as ciberviolencias sexuais e outras formas de violencia machista dixital que afectan de maneira específica á mocidade. A través de recursos visuais, debates guiados, traballo en grupo e análise de casos, o alumnado aprende a identificar estereotipos de xénero, recoñecer situacións de desigualdade e coñecer ferramentas para previr e actuar fronte ás violencias.
Trátase dun proxecto que quere contribuír a converter ao alumnado en axente de cambio, reforzando a súa capacidade crítica e o compromiso coa construción de contornos relacionais máis xustos, seguros e igualitarios, tanto nas aulas como nos espazos dixitais.
