A Cátedra de Feminismos 4.0 lanza unha nova edición –a segunda- dos Premios GirlGeekCovid, destinados a incentivar, apoiar e fomentar os estudos nos ámbitos STEM.
As solicitudes poderán enviarse ata o 30 de setembro ás 23:50 h a través da sede electrónica da universidade e as candidatas poderán optar a un premio e un accésit paras as titulacións da rama de Ciencias e outro premio e accésit paras as pertencentes ao eido da Enxeñaría. A dotación de cada premio será de 2.000 euros e de 1.000 euros no caso dos accésit.
Requisitos das solicitudes
Para ser seleccionadas, as participantes deberán cumprir unha serie de requisitos, que son os seguintes:
- Estar matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2021/2022 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos Campus de Pontevedra e Vigo.
- Para o alumnado de grao ter superados ata o curso 2020/2021 60 créditos da titulación na que se atopa matriculada.
- Ter unha nota media do expediente ata o curso 2020/2021 igual ou superior a:
- 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría
- 8 nas titulacións da rama de Ciencias
- 8 nas titulacións da rama de Ciencias da Saúde
Documentación e obrigas
As solicitudes deberán empregar o procedemento SBOL- Premios Girlgeekcovid da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-Uvigo existente na sede electrónica para este procedemento, en catálogo de procedementos.
Xunto coa solicitude deberá incluírse unha carta de motivación, na que as candidatas deberán sinalar, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, reflexionar sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado.
As persoas beneficiarias deberán encher o formulario en liña de declaración responsable existente na secretaría virtual da Universidade de Vigo, no prazo de cinco días desde a publicación da resolución definitiva.
Máis información, na páxina da Secretaría Online da Universidade de Vigo, no apartado de convocatorias.