Intelixencia artificial no ámbito universitario: analise de xénero dos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos
O proxecto Intelixencia artificial no ámbito universitario: análise de xénero dos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos ten como obxectivo examinar as prácticas de uso da IA entre o alumnado da Universidade de Vigo, atendendo á frecuencia, aos tipos de aplicacións empregadas e ás motivacións asociadas, así como á percepción de nesgos e ás preocupacións éticas que xera a súa incorporación na contorna académica.
A investigación combina unha metodoloxía mixta que inclúe revisión bibliográfica, unha enquisa en liña a 687 estudantes de 12 titulacións da UVigo e entrevistas en profundidade a docentes e persoal experto. Esta aproximación permite analizar tanto os patróns de uso da IA como as diferenzas segundo ámbito de coñecemento e xénero, así como contrastar as percepcións do alumnado coa visión do profesorado e das persoas especialistas.
Os resultados amosan que o alumnado emprega a IA con maior intensidade para fins persoais que académicos, predominando usos básicos como a xeración de ideas, resumos ou procura rápida de información. Confírmase unha infrautilización das potencialidades pedagóxicas máis avanzadas da IA, ligada á falta de formación crítica tanto do alumnado como do profesorado. As diferenzas por sexo resultan limitadas e pouco consistentes, sendo o ámbito disciplinar o principal factor explicativo dos patróns de uso.
No plano ético, destaca o baixo nivel de consciencia sobre os nesgos, incluídos os de xénero, así como o descoñecemento xeneralizado dos protocolos institucionais existentes. O estudo conclúe coa necesidade de reforzar a alfabetización dixital crítica, establecer directrices claras e promover políticas universitarias que garantan un uso responsable, equitativo e consciente da intelixencia artificial no ensino superior.
Coordina:
Sara María Torres Outón

