Investigacións da Cátedra (7ª edición)
A sétima convocatoria da axudas de investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 fixo posible desenvolver sete proxectos liderados por persoal investigador dos campus de Pontevedra e Vigo. Nesta edición abordáronse temas como a divulgación mariña, a IA e os avatares virtuais feministas, as referentes na publicidade ou a accesibilidade da actividade física desde unha perspectiva feminista e o papel do Dereito para reducir as fendas dixitais.
Neste páxina están dispoñibles os resultados das sete investigacións:
ImpactARTE en feminino: perspectiva de xénero na arte e divulgación mariña
Unha iniciativa de divulgación científica que integra a ciencia mariña, a arte a sociedae a través da colaboración creativa entre persoas investigadoras, artistas e institucións culturais.
Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra
Unha proposta para crear, mediante IA xerativa, avatares feministas hiperrealistas que rompan cos estereotipos de xénero e eviten as lóxicas de hipersexualización presentes na representación habitual dos corpos femininos.
Validación dun cuestionario de barreiras á actividade física en mulleres con perspectiva dixital e de xénero (MuBAF)
Un proxecto para validar psicométricamente un cuestionario multidimensional para identificar as barreiras á práctica de actividade física en mulleres.
Intelixencia artificial no ámbito universitario: análise de xénero dos usos, motivacións, consideracións éticas e percepción dos nesgos
Estudo que analiza como emprega o estudantado da UVigo a IA e como percibe os seus nesgos e implicacións éticas, co obxectivo de ofrecer datos que orienten o posicionamento da institución sobre a integración da IA no ámbito académico.
Avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero
Proxecto que analiza como a IA xerativa reproduce nesgos de xénero no acceso e a verificación da información, e ofrece boas prácticas e ferramentas fiables para minimizar estes efectos nas nosas buscas.
Mulleres e publicidade en Pontevedra II: visión transversal de referentes en 30 anos de publicitarias na provincia
Esta investigación, continuación dun proxecto desenvolto na edición anterior, pon o foco nas egresadas en Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Comunicación coa finalidade de identificar as referentes no sector e recoller experiencias persoais para detallar retos e limitacións das profesionais.
A fenda dixital de xénero e o potencial do Dereito coma mecanismo corrector de desigualdades
Este traballo investiga e promove solucións xurídicas para reducir a fenda dixital das mulleres do rural da provincia de Pontevedra, facilitando o acceso efectivo á xustiza gratuíta.







