Mulier. Nomes de muller na poesía tardomedieval de Castela
Tralos textos poéticos medievais, case sempre de autoría masculina, agóchanse as relevantes figuras de moitas mulleres silenciadas pola súa contorna, polo contexto cultural ou polo paso do tempo, que favoreceron a perda dos seus escritos, dos seus feitos e da súa memoria.
No proxecto MULIER queremos localizar esas mulleres da poesía tardomedieval, coincidente co tempo dos primeiros Trastámara de Castela, identificalas, relacionalas co seu contexto estético, asocialas aos produtos literarios aos que se vinculan e facelas visibles nun soporte informático de consulta aberta. Tal fito, xerador dunha transferencia de valor social, comunica a calquera colectivo, especializado ou non, o certo e esquecido valor das mulleres que protagonizan os versos da primeira poesía culta en castelán.
O obxectivo principal de MULIER é, pois, dar visibilidade ao complexo tecido de figuras, voces e nomes de muller dos Cancioneros e recuperalas para o século XXI nun formato dixital de libre acceso. Para iso, deseñamos un portal específico dentro da Biblioteca Digital TECER, que dá conta dos resultados de investigación nestas cinco direccións:
- Localizar e identificar as voces de muller e as figuras femininas da poesía castelá tardomedieval a partir dun rastrexo sistemático que comezará, nunha primeira etapa do proxecto, polo Cancionero de Baena, que recolle a tradición poética máis antiga, na que aínda se perciben os ecos da poesía galego-portuguesa.
- Poñer en valor a relevancia das mulleres na conformación dunha corte poética habitualmente adscrita aos homes.
- Salientar o excepcional labor literario promovida polas mulleres dende a corte e os mosteiros como focos de irradiación cultural.
- Mostrar ás protagonistas dos versos no seu complexo marco de interacción coa cultura do seu tempo e cos poetas, estes si obxecto habitual de estudo.
- Asociar os nomes de muller da poesía tardomedieval castelá aos produtos literarios de calquera época que as recupere, sinaladamente nos séculos XIX-XXI.
Coordinadora do proxecto: Montserrat Ribao Pereira (Facultade de Filoloxía e Tradución, U. de Vigo).
Equipo de traballo: Antonio Chas Aguión (Facultade de Filoloxía e Tradución, U. de Vigo), Sandra Álvarez Ledo (CEU Vigo), Ana Caíño Carballo (CEU Vigo), Mª Luzdivina Cuesta Torre (Universidad de León), Virginie Dumanoir (Université Rennes 2), Lesley Twomey (Northumbria University), Andrea Zinato (Universitá degli studi di Verona).