Mulleres e publicidade en Pontevedra II: visión transversal de referentes en 30 anos de publicitarias na provincia
O proxecto Mulleres e publicidade en Pontevedra II dá continuidade á investigación iniciada para identificar e visibilizar referentes femininas no sector publicitario da provincia, poñendo o foco nas egresadas en Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Comunicación ao longo das tres últimas décadas. A iniciativa persegue contribuír ao empoderamento das novas xeracións de profesionais mediante a recuperación de experiencias reais, diversas e próximas, ao tempo que constrúe unha memoria colectiva das mulleres que desenvolveron a súa traxectoria no ámbito da publicidade e da comunicación.
A investigación combina unha metodoloxía cualitativa baseada en tres sesións de focus group con 16 participantes pertencentes a diferentes promocións (1994–2024) e perfís laborais, incluíndo axencias creativas, comunicación institucional, traballo freelance, docencia, emprendemento ou situacións de desemprego. A análise das transcricións, mediante codificación temática e análise de contido, permitiu identificar patróns recorrentes e diferenzas xeracionais nas experiencias formativas e profesionais.
Os resultados evidencian a diversidade de itinerarios laborais e a polivalencia demandada ás profesionais do sector, así como a persistencia de barreiras vinculadas á desigualdade de xénero, especialmente nos primeiros anos de carreira, á maternidade e ás auto-limitacións. O estudo subliña tamén a dificultade para identificar referentes claros no ámbito creativo, fronte á presenza de modelos procedentes doutros sectores.
Equipo:
Silvia García-Mirón, Vicente Badenes-Pla, Julinda Molares-Cardoso e Emma Torres-Romay Facultade de Comunicación, Universidade de Vigo
Realización audiovisual:
Adarme Visual

