Mulleres na Ciencia
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo procura, entre os seus obxectivos, visibilizar a presenza de mulleres na ciencia (considerando a ciencia como un marco que engloba tamén as súas aplicacións tecnolóxicas), coa finalidade de amosar referentes que inspiren a outras mulleres e, sobre todo, ás novas xeracións. Por este motivo, se crea esta sección, na que poder consultar figuras destacadas dos campos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, nas súas siglas en inglés), tanto do pasado como do presente.
Gabriela González
A detección por primeira vez das ondas gravitacionais en 2015 foi un dos grandes descubrimentos da ciencia do último século. A arxentina Gabriela González (1965-) é unha das súas maiores especialistas e foi voceira do proxecto LIGO entre os anos 2011 e 2017.
Marie Lavoisier
Marie Anne Pierrete Paulze (1758-1836), máis coñecida como Marie Lavoisier, está considerada como “a nai da química moderna”. A pesar dos seus importantes logros, foi frecuentemente mencionada no seu papel de esposa do científico Antoine Lavoisier.
Jane Marcet
A escritora británica Jane Marcet (1769-1858) foi pioneira da divulgación científica cos seus exitosos e populares libros Conversations, que servían de introdución á ciencia en temas tan variados como química, botánica, física ou mecánica. Tamén realizaba os seus propios experimentos de química.
Elizabeth Marston
Elizabet Marston (1893-1993) foi unha avogada e psicóloga británica, recoñecida, xunto ao seu marido William M. Marston, polo desenvolvemento e uso da medida da presión arterial sistólica para detectar o engano. Tamén inspirou a creación do cómic do seu marido, Muller Marabilla.
Susan Helms
Susan Jane Helms foi unha astronauta da NASA. Voou nas misións STS-54, STS-64, STS-78 e STS-101 e serviu a bordo de a Estación Espacial Internacional como membro da Expedición 2. Helms contabilizou 5.064 horas en órbita, incluíndo un paseo espacial de 8 horas e 56 minutos que a mediados de xullo de 2002 supuxo récord mundial.
Utako Okamoto
Utako Okamoto (1918-2016) foi unha doutora e médica xaponesa que descubriu o ácido tranexámico na década de 1950 na súa procura para atopar un fármaco que tratase a hemorraxia posparto. En 2017, os resultados dunha ampla proba controlada demostraron que este ácido contribúe a previr a mortalidade das mulleres con este tipo de sufusión.
Sunita Williams
A astronauta Sunita Williams (1965-) converteuse o 17 de xuño de 2007 na muller que máis tempo seguido estivo no espazo (na Estación Espacial Internacional), ao completar 188 días e 4 horas fóra da Terra. Posteriormente o seu récord foi superado polo da astronauta italiana Samantha Cristoforetti, que permaneceu 200 días na Estación Espacial Internacional.
Cecilia Payne-Gaposchkin
Cecilia Payne-Gaposchkin (1900-1979) foi unha astrónoma que propuxo que as estrelas están compostas principalmente por hidróxeno. Este traballo foi considerado moito tempo como “a máis destacada tese de doutoramento escrita nunca en astronomía”. Recibiu diversos recoñecementos e un asteroide leva o seu nome, o Asteroide 2039 Payne-Gaposchkin.
Ada Yonath
A cristalógrafa Ada Yonath (1939-) é a directora do Centro de Estrutura Biomolecular Helen e Milton A. Kimmelman do Instituto Weizmann e gañou o Premio Nobel de Química polos seus traballos pioneiros verbo da estrutura dos ribosomas. Entre outros logros, introduciu unha nova técnica para o estudo da cristalografía en estruturas biolóxicas, a crío bio-cristalografía.
Barbara McClintock
Barbara McClintock (1902-1992) foi unha xenetista estadounidense, que obtivo o Premio Nobel de Medicina no 1983. Pasou á historia da ciencia por descubrir os transposóns mentres traballaba para explicar os patróns de cor das sementes do millo. Con todo, os seus descubrimentos non se recoñeceron até que os investigadores Jacob e Monod chegaron ás mesmas conclusións.
Antonia Ferrín
A galega Antonia Ferrín (1914-2009) non só foi unha astrónoma excepcional, a primeira en realizar unha tese de astronomía en España, senón tamén unha gran matemática, profesora e investigadora. Ademais, foi a primeira muller en formar parte do cadro docente da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Gertrudis de la Fuente
Gertrudis de la Fuente Sánchez (1921-2017) foi unha pioneira española en bioquímica, impulsora de que esta disciplina se integrase nos estudos de medicina. En 1981, máis de 20.000 persoas en España víronse afectadas polo síndrome do aceite tóxico. Gertrudis coordinou a comisión para resolver este grave problema de saúde pública.