
Nova convocatoria dos Premios GirlGeekPOWER para impulsar o talento feminino nas CTEM
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo vén de convocar a edición dos Premios GirlGeekPOWER 2026, unha iniciativa destinada a recoñecer a excelencia académica, apoiar as traxectorias femininas de éxito e contribuír a aumentar a presenza das mulleres nos ámbitos CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
A pesar dos avances das últimas décadas, as mulleres continúan estando infrarrepresentadas en moitas destas disciplinas, especialmente en determinadas titulacións tecnolóxicas e de enxeñaría. Esta situación non só limita as oportunidades profesionais individuais, senón que tamén condiciona o desenvolvemento dunha ciencia e dunha innovación que ten que ser quen de responder aos retos actuais. Neste contexto, os Premios GirlGeekPower teñen o obxectivo de visibilizar referentes, recoñecer o esforzo académico e contribuír a reducir as fendas de xénero nos estudos CTEM.
Nesta convocatoria poderán participar as estudantes matriculadas durante o curso 2026/2027 en graos ou mestrados universitarios das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou de Ciencias e Ciencias da Saúde nos campus de Pontevedra e Vigo. Ademais do rendemento académico, a convocatoria valorará a motivación das candidatas para desenvolver a súa formación e traxectoria profesional a través dunha carta na que poidan compartir as razóns que as levaron a escoller estudos CTEM e reflexionar sobre a súa experiencia como mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados.
A convocatoria conta con catro recoñecementos, cunha dotación total de 6.000 euros:
- Premio GirlGeekPOWER Ciencias e Ciencias da Saúde: 2.000 €
- Accésit GirlGeekPOWER Ciencias e Ciencias da Saúde: 1.000 €
- Premio GirlGeekPOWER Enxeñaría e Arquitectura: 2.000 €
- Accésit GirlGeekPOWER Enxeñaría e Arquitectura: 1.000 €
As solicitudes deberán presentarse a través do formulario habilitado na Secretaría Virtual da Universidade de Vigo. O prazo permanecerá aberto ata o 19 de outubro de 2026 ás 23:59 horas.
Con esta iniciativa, a Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade de oportunidades, a incorporación da perspectiva feminista na ciencia e na innovación e o recoñecemento do talento das estudantes que están a construír o presente e o futuro das CTEM.
Bases da convocatoria: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/show/1937?_locale=eshttps://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-details.xhtml?idtaskdata=46170819



