5º Edición do workshop Hackeando o patriarcado. Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en construción
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, impulsada pola Deputación de Pontevedra a a Universidade de Vigo, levará a cabo o próximo 16 de novembro a quinta edición do workshop «Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado».
Este ano o lema será Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en construción, polo que o workshop realiza unha reflexión sobre a creación de contidos feministas e a construción da que nós denominamos «feminisfera» ou ecosistema feminista online, como forma de frear as novas estratexias patriarcais que se manifestan a través da misoxinia dixital da manosfera, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado e pretende disciplinar a presenza das mulleres no espazo dixital.
O obxectivo é coñecer como se está construíndo a «feminisfera» no ámbito dixital a través da análise e do traballo das creadoras de contido e das artistas e activistas dixitais para así identificar, visibilizar, tecer redes e reflexionar sobre a misoxinia presente nas BigTech. Estas mulleres, pese ás resistencias dos usuarios anti-feministas en certos espazos do ecosistema dixital e á “represión” e a falta de visibilidade e a censura de parte do seu traballo por parte das grandes plataformas, conseguen construír espazos de reflexión, humor e creación feminista moi interesantes e nutren un mundo dixital alternativo ao machismo e á misoxinía.
Programa e inscrición
O workshop desenvolverase durante a mañá do xoves 16 de novembro e combinará o formato presencial co virtual. A apertura será ás 10.00 h e contará con representación institucional da Deputación de Pontevedra, e da Universidade de Vigo. A continuación, terán lugar diversas intervencións e unha mesa redonda, nas que participarán mulleres referentes en xénero, nos ámbitos da investigación, o xornalismo, a arte, a poesía, a ilustración ou a creación audiovisual, entre outros.
As intervencións contarán coa catedrática Mª Isabel Menéndez, investigadora centrada na análise feminista da comunicación na prensa popular, a publicidade, o cinema, a televisión e nos produtos culturais dixitais como os memes que será presentada por Encina Calvo, Premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia na materia de Física do Grao en Enxeñería Química da USC; tamén estará Andrea Momoitio, xornalista dixital, ciberactivista e socia fundadora da revista feminista Pikara Magazine. A continuación haberá unha mesa redonda na que participarán Sara Herranz, ilustradora feminista e autora da reedición ilustrada de A muller rota de Simone de Beauvoir; Gemma Marqués, artista e resposable do espazo de creación alternativa La Casa Taller na Guarda ; e Nuria Vil, poeta, resitadora e creadora audiovisual que busca levar a poesía máis alá da escrita. A mesa será coordinada por Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
A xornada rematará coa presentación das pezas resultantes do I Maratón de Creacións Dixitais Feministas, celebrado o pasado 9 de novembro para facilitar un espazo de creación feminista na rede con licenza Creative Commons.
Durante a xornada estarán expostos os posters das seis investigacións financiadas pola Cátedra este ano: Donas do Espazo: estudo exploratorio do hábitat igualitario da cidade de Pontevedra; Usos das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde: adaptación do cuestionario SaludDigitalEdu á poboación adolescente galega (SaludDigitalEdu_Gal); Toxicidade e violencias machistas nas redes sociais. Estudo cualitativo entre o alumnado da Universidade de Vigo; A Outra Cara Da Edición Feminina en Galicia: Ilustradoras, Maquetadoras e Tradutoras no Século XXI; Guía operativa para incorporar a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico-industrial; e a aplicación móbil para a mellora na atención e coordinación en violencia de xénero MAX APP.
As persoas interesadas en asistir presencialmente ao workshop, deberán desprazarse ata a Facultade de Comuniación da UVigo en Pontevedra. Non é preciso confirmar previamente a asistencia.
Para asistir virtualmente, o workshop poderase seguir vía streaming a través da Canle Directo 1 da UVigoTV.
O programa completo do workshop pódese consultar no seguinte enlace: Programa completo