O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 pide máis regulación para combater a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en Internet
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo sinalou que a procura do beneficio económico está detrás da pasividade e permisividade das grandes corporacións comerciais dixitais respecto da misoxinia en Internet e solicitou aos poderes públicos unha maior regulación para acotar e eliminar as violencias machistas na Rede.
Esta esixencia é unha das conclusións do encontro virtual que mantivo o comité este venres, no que se fixo balance das accións realizadas en 2021 pola Cátedra de Feminismos 4.0 e se debatiron propostas para este ano.
Ademais, anunciouse a incorporación de Lorena Fernández Álvarez como integrante deste órgano consultivo. A nova integrante é enxeñeira informática e directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto. Tamén forma parte do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations para analizar o impacto de non incorporar a perspectiva de xénero na intelixencia artificial.
Na reunión tamén participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, así como a directora da Unidade de Igualdade da universidade, Águeda Gómez.
Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva agradeceu o labor da Cátedra e da Unidade de Igualdade da UVigo e destacou o labor da expertas do Comité de Sabia, reivindicando a necesidade de “romper o teito de aceiro para que as científicas e investigadoras sexan tamén directivas”. Ademais, destacou a importancia deste encontro no marco do Día da Muller e a Nena Na Ciencia para visibilizar as sabias e o seu traballo. “Queremos que a xente teña coñecemento do moito que están achegando as mulleres”. E loou as accións da Universidade de Vigo para converterse nunha entidade “referente en igualdade”.
O reitor Manuel Reigosa tamén quixo valorar especialmente o traballo do Comité de Sabias e da Cátedra no seu conxunto, así como sinalar que é o momento de escoitar a referentes como as integrantes deste órgano consultivo.
Maior regulación das plataformas dixitais
As expertas recoñeceron que os discursos misóxinos e de violencia machista que se producen en Internet e nas redes sociais proceden dunha minoría, pero que debe ser illada. E, neste sentido, todas coincidiron en atribuír unha grande responsabilidade ás grandes corporacións empresariais que son propietarias das plataformas dixitais dominantes, aínda que tamén apuntaron que estamos ante unha responsabilidade colectiva. “A responsabilidade é dos que actúan, pero tamén dos que miran para outro lado”, asegurou Ana Vila-Concejo, profesora na Facultade de Ciencias, Escola de Xeociencias de Universidade de Sydney.
Na liña apuntada por Ana Vila, Purificación Mayobre, profesora xubilada de Filosofía na Universidade de Vigo, sinalou que “se partimos de que o xénero é un sistema de poder que adscribe espazos, adxudica roles, constrúe identidades, así como hábitos que se incorporan e tradicións que se herdan, non nos pode estrañar que a ágora dixital estea impregnada da misoxinia e a violencia”.
Pola súa banda, Lorena Fernández achegou exemplos desa permisividade: deseñan algoritmos que censuran pezóns, xeran presión sobre os corpos da nenas e mozas, dan difusión ao odio e toleran o ciberacoso.
As sabias apostaron por que os gobernos democráticos establezan unha maior regulación, de xeito que se garanta un mínimo de seguridade e convivencia. Como indicou Encina Calvo, profesora de física na Universidade de Santiago de Compostela (USC), “son as corporacións e non as leis as que definen os límites do discurso permisible”. Ana Jesús López, doutora en ciencias físicas da Universidade da Coruña (UDC), considerou que as institucións públicas “deberían ser quen de penalizar e perseguir tanto a quen fai eses discursos como ás plataformas ou empresas que os permiten”. O problema é o seu carácter global, que dificulta unha resposta, a menos que sexa coordinada a través de entidades supranacionais.
O beneficio económico, un gran obstáculo
Entre as razóns que explican a resistencia das grandes corporacións comerciais dixitais para que Internet non sexa un espazo igualitario e libre de violencias machistas, as expertas foron contudentes respecto dunha: o motivo económico.
Un dos maiores ingresos destas compañías procede do investimento en publicidade, que se dirixe a distintos públicos, entre eles o misóxino. “Mentras consideren que censurar a violencia lles prexudica economicamente, non o van a facer”, explicou Soledad Torres, profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo). O único que podería facerlles cambiar, segundo Edita de Lorenzo, profesora e doutora enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, sería un daño para a súa imaxe que, ao final, tamén inflúe nos seus resultados económicos.
Segundo a matemática María Cumplido, citada por Encina Calvo, “ás redes sociais non lles importa a ética dos efectos dos algoritmos, senón maximizar os beneficios”. Segundo esta lóxica, “os algoritmos crearán caldos de cultivo selectivos que propicien calquera adhesión a calquera tipo de opinión”, sempre que xere unha rendibilidade económica.
E, relacionado con isto, está o propio funcionamento das redes e dos medios de comunicación, que apuntou Marta Macho, matemática e editora da web Mujeres con Ciencia: “a polémica vende máis que os espazos tranquilos”, algo co que coincidiu Coral del Río, catedrática de economía aplicada na UVigo.
Obxectivo: expulsar ás mulleres da Rede
A violencia machista dixital ten, entre os seus obxectivos, reducir a presenza das mulleres na ágora cibernética ou mesmo expulsalas. E, segundo as expertas do Comité consultadas, parece que o está conseguindo. Mari Álvarez Lires, profesora de didáctica das ciencias experimentais da UVigo, apuntou que “o nivel de agresividade, as ameazas contra usuarias, que acaban sentindo medo mesmo de saír á rúa a pesar de ser mulleres valentes, demostra que os grupos violentos están conseguindo os seus obxectivos”.
Segundo Marta Macho, “moitas mulleres estanse afastando destes espazos e, ademais, logran enfrentar a feministas”.
Os ataques misóxinos crean unha situación que esixe a construcción de espazos seguros, que constitúe un dos principais retos para estas plataformas dixitais. Ademais de controlar ou modular os seus posibles efectos nocivos, especialmente os que afectan á saúde mental das adolescentes.
Con todo, Coral del Río acotou o éxito dos grupos misóxinos organizados, sinalando que “se limitan, sobre todo, ao eido dixital”. Pola súa banda, María José Rodríguez Malmierca, responsable da Área de E-learning e Colaboración do CESGA, considerou que “son accións moi perigosas porque supoñen unha sobreexposición negativa para as vítimas e as súas contornas”.