Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles
Coa firme vontade de seguir dando pasos que permitan coñecer e analizar a realidade das mulleres que sofren misoxinia e discriminación no eido dixital por razón de xénero, creamos o Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles.
O obxectivo principal deste observatorio, que incorporamos na web da Cátedra de Feminismos 4.0, é permitir recoller datos e información de persoas que denuncien, de forma anónima, agresións sexistas, ofensas, acosos, vexacións, ridiculizacións, ataques á dignidade, humillacións ou calquera outra forma de violencia machista.
Primeiro informe
O primeiro informe do Observatorio Stop Machitroles achega unha primeira radiografía da violencia machista dixital no eido territorial do sur de Galicia.
En concreto, permitiu identificar tres tipos de violencias online a través dos datos recollidos polo Observatorio da Cátedra desde a súa creación en xuño de 2021. Este documento ofrece datos que permiten avaliar a forma de operar das violencias machistas dixitais no ámbito territorial do sur de Galicia, o cal é moi relevante, pois son moi escasos os datos dispoñibles sobre a prevalencia e as formas destas violencias en liña.
Segundo informe
O segundo informe do Observatorio Stop Machitroles analiza a violencia machista dixital a través da prensa galega e que, entre os seus resultados, conclúe que o 63% das situación de acoso dixital procede de homes coñecidos da vítima.
En relación coas tipoloxías do acoso, o informe identifica tres grandes grupos: o ambiental (que se produce en ambientes educativos, deportivos e lúdicos); o da manoesfera (a través dunha acción de acoso orquestrado e organizado) ou o que denomina o «efecto Johnny» (xuízo Johnny Depp-Amber Heard).
Terceiro informe
O terceiro informe do Observatorio Stop Machitroles continúa facendo unha análise a través da prensa sobre a prevalencia e a tipoloxía da violencia machista dixital entre novembro de 2022 e setembro de 2023. Con este traballo queremos contribuír á toma de conciencia sobre a complexidade da violencia en liña sobre as mulleres e as súas consecuencias sobre a convivencia e a calidade democrática.
Unha violencia que, cos avances tecnolóxicos, está utilizando outras formas de exercerse o que multiplica o seu alcance e o interese que suscita, como vemos no aumento dun terzo nos contidos dos medios.
Reestruturamos as tipoloxías, para poder incluír estas novas formas, en violencia dixital sexista e por razón de xénero; violencia dixital sobre as mulleres con presenza pública e a violencia machista dixital organizada da manosfera.
A asociación Xornalistas Galegas participou presentando un traballo paralelo titulado Os medios como (re)produtores de ciberviolencia simbólica que se pode consultar na súa web.
Cuarto informe
O cuarto informe do Observatorio Stop Machitroles “Unha radiografía da violencia machista dixital na prensa galega” analiza como os medios galegos representan a ciberviolencia machista entre outubro de 2023 e setembro de 2024, mantendo os criterios das edicións anteriores para favorecer a comparación e a análise evolutiva. O estudo evidencia que a violencia machista continúa a ser unha realidade estrutural e que as plataformas dixitais amplifican e diversifican as agresións que sofren mulleres e nenas, ofrecendo unha mostra útil para comprender como a sociedade recibe e interpreta estas violencias.
O informe destaca a falta de recoñecemento social e de espazo nos medios para tratar as experiencias de violencia dixital das mulleres, así como o aumento preocupante das violencias dixitais contra menores, cun peso central da pornografía infantil. Pola contra, a violencia exercida contra mulleres con presenza pública por parte da manosfera apenas aparece recollida, o que engade unha nova capa de invisibilización desta violencia organizada, e constátase que as respostas institucionais e a cobertura xornalística seguen a ser insuficientes para situar a ciberviolencia machista na axenda pública.
Quinto informe
O quinto informe do Observatorio afonda na ciberviolencia machista dixital, ampliando datos e evidencias para avanzar cara a unha sociedade dixital máis xusta e segura. Analiza as novas de outubro de 2024 a setembro de 2025 e constata unha preocupación crecente e un aumento exponencial da cobertura: tríplicase o número de noticias respecto de informes anteriores.
Porén, esta maior visibilidade non garante un tratamento rigoroso nin estrutural do problema, pois a atención continúa centrada en casos excepcionais e sensacionalistas, como o caso Pelicot. O informe organiza os resultados por tipo de violencia, tecnoloxías implicadas, vítimas e respostas sociais, incorpora boas prácticas e recomendacións de política pública e conclúe que o espazo dixital é hoxe central na reprodución do machismo, polo que só a combinación de investigación, conciencia social e resposta institucional permitirá frear e erradicar estas violencias.
Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero
Resulta necesario definir o concepto de ciberdelincuencia e, de forma específica, a que se exerce sobre a muller, xa que nos últimos tempos aumentou o control da vítima a través das redes sociais, dos dispositivos dixitais e, fundamentalmente, do teléfono móbil. A violencia de xénero dixital engloba todas estas condutas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, das redes sociais ou de Internet.
Todas estas cuestións, entre outras, fixeron necesaria a modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que podes consultar no enlace inferior.
Formulario para achegar datos
A continuación, poderás acceder ao formulario que poñemos á disposición de todas as persoas usuarias desta web para facilitar a información que consideren relevante e que, posteriormente, recollerá e analizará o Observatorio.
