O Comité de Sabias chama a transformar a contorna dixital para lograr un acceso igualitario das mulleres
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO mantivo a súa primeira reunión, celebrada en formato virtual, da que saíu a súa declaración fundacional, un documento no que se plasman os seus principais obxectivos e eixes de actuación. Entre eles destaca a concreción de accións que transformen os espazos dixitais para que favorezan o acceso das mulleres.
Desta forma, o Comité desenvolverá o seu traballo inspirándose na formulación da profesora Judy Wacjman, experta en xénero e tecnoloxía, que afirma que “se as mulleres non queren acceder a certos espazos ou ámbitos, hai que cambialos para que queiran ir a eles”. En base a esa proposta transgesora e revolucionaria, que opta por deixar de responsabilizar ás mulleres, as expertas trazarán accións encamiñadas a lograr un futuro dixital en igualdade.
“As mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico”, sinalou Águeda Gómez, directora da Cátedra e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que foi a encargada de ler a declaración.
Tanto na apertura como na clausura do acto participaron Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, e Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, representantes das dúas entidades que impulsan a Cátedra de Feminismos 4.0.
Unha “rede de mulleres” que integra “voces incribles”
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, agradeceu a contribución e guía da Deputación na posta en marcha da Cátedra de Feminismos 4.0, e sinalou que o traballo “desta Cátedra vai marcar un antes e un despois na loita dentro da universidade para o avance na igualdade, un dos temas prioritarios marcados polo noso Plan Estratéxico”. Sobre o Comité de Sabias o reitor destacou que “sairán cousas moi boas que van clarexar o camiño que temos que seguir cara a igualdade. Aínda queda moito por facer xa que, no mundo, a igualdade real non existe”.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que apelou a loitar contra “o sesgo do sistema patriarcal nas TIC e na dixitalización”, definiu ao Comité de Sabias como unha “rede de mulleres” que integra “voces incribles, que son unha grande referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindibles”. A presidenta destacou que “a intelixencia está en vós e, dende as administracións, temos que escoitar á sociedade do coñecemento con nome de muller para tomar decisións tamén intelixentes, transformar e cambiar”. Ao respecto, fixo fincapé na necesidade de “chegar a outras administracións para que todo o que vaiamos poñendo enriba da mesa a través do Comité de Sabias se converta en accións e iniciativas reais, porque a política é o instrumento que temos para cambiar o mundo”.
Propostas en múltiples áreas
Durante o encontro, as sabias achegaron propostas para definir as liñas estratéxicas deste grupo de traballo, coas que se procura unha representatividade equilibrada en todos os niveis da dirección, creación, e desenvolvemento das tecnoloxías. As expertas coincidiron en que cómpre acadar “un liderado colaborativo” e unha participación real na toma de decisións estratéxicas para a configuración da sociedade, na que a tecnoloxía desenvolve un papel fundamental. As súas primeiras conclusións recóllense na súa declaración fundacional.
Son diversas as áreas nas que consideran que se deben concentrar importantes esforzos, que van desde o eido da formación e a investigación ata os sectores da intelixencia artificial, os videoxogos e as redes sociais. Precisamente nesta última contorna denunciaron que as mulleres aínda non poden interactuar dunha forma libre e segura, debido á cantidade de insultos e discriminacións que sofren, como xa puxo de manifesto un estudo publicado recentemente pola Cátedra de Feminismos 4.0, que tivo ampla repercusión mediática.
Composición do Comité
O Comité de Sabias está formado por 14 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas.
Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, con consolidadas traxectorias e autoridades nas súas materias. E suman a súa experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.
Na web da Cátedra pódense coñecer máis en detalle os obxectivos e a composición do Comité de Sabias.