Primeiro Maratón de Creacións Dixitais Feministas

Este ano, incorporamos unha nova acción á Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, o I Maratón de Creacións Dixitais Feministas.

Esta actividade pretende facilitar un espazo para que artistas galegas vinculadas á Universidade de Vigo poidan elaborar pezas de arte dixital feminista con licenza Creative Commons. Estas propostas, accesibles desde a web da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, poderán ser utilizadas como un recurso para darlles resposta ás agresións contra as mulleres e aos machismos no espazo dixital empregando linguaxes artísticas.

O maratón tivo lugar o 9 de novembro na Casa das Campás de Pontevedra e nel participaron varias artistas de recoñecida traxectoria e compromiso co feminismo dixital. A xornada comezou ás 10:30 e estendeuse ata as 17:30 horas no Salón de Actos da Casa das Campás, onde as creadoras traballaron conxuntamente en dinámicas fomentadas polo equipo de 7H Coopertiva cultural. Aínda que o evento non foi aberto ao público, as redes sociais da Cátedra mantiveron informada á comunidade cun seguimento fotográfico do desenvolvemento do maratón.

Entre as creadoras que participaron no maratón atopamos a Raquel Boo Anderson: Dedicada ao deseño gráfico e á comunicación durante máis de dúas décadas, Raquel Boo Anderson é licenciada en Publicidade e RR.PP. pola Universidade de Vigo. Cofundadora do estudio Ekinocio Comunicación, hoxe traballa como deseñadora independente. É integrante da Asociación Galega de Diseño (DAG) e participou activamente no colectivo Gráficas en Negro, colaborando en proxectos como ‘Transitar o impensable’ e impartindo charlas sobre a perspectiva de xénero no deseño. Ademais, promoveu a iniciativa CaféDturno en Santiago de Compostela.

Lupita Hard: Artista contemporánea, poeta e deseñadora é coñecida polas súas obras de grafiti, arte contemporánea, animalismo e feminismo. O seu traballo busca provocar pensamento crítico e desafiar ideas impostas socialmente. Licenciada en Belas Artes e Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda pola Universidade de Vigo, cofundou Musa Rota, onde traballa actualmente.

Xandra Táboas Martínez: Filóloga galega e artista multidisciplinar ten un Grao en Estudos de Galego e Español pola UVigo. O seu traballo creativo e investigador utiliza a poesía e escrita experimental, artes do movemento, instalación, e video e fotografía creativa e documental. Os seus intereses centranse na perspectiva integradora de xénero, eco-política, ética comunitaria e comunicativa e social.

Unha selección das pezas resultantes deste maratón foron presentadas no workshop da Cátedra o 16 de novembro, onde se destacou o talento e a creatividade das artistas participantes. A través desta iniciativa, a Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-Uvigo non só promoveu a arte e a creatividade feminista, senón que tamén contribuíu significativamente ao enriquecemento da cultura dixital feminista e á construción dun espazo de expresión e reflexión sobre as realidades e desafíos que afrontan as mulleres no mundo dixital.