Protección de datos

Docencia e avaliación virtuais e recursos electrónicos da Universidade de Vigo

Proteccion de datos web Catedra

O uso dunha contorna de docencia virtual, a través das plataformas propias da Universidade de Vigo, implica o tratamento de diversos tipos de datos (de identificación, de imaxe, de son ou de comentarios nun chat, entre outros posibles). En concreto, a captación de imaxes e de voz, así como o seu almacenamento, a súa difusión ou a súa publicación no entorno dunha aula virtual teñen a consideración de tratamento de datos persoais no sentido do Regulamento (UE) 2016/679 e da Lei Orgánica 3/2018 (LOPDGDD).

Finalidades do tratamento dos datos persoais

A utilización e a xestión das plataformas de teledocencia Faitic e as aulas virtuais de Campus Remoto, así como doutro tipo de recursos electrónicos ou servizos multimedia propios da Universidade de Vigo para o desenvolvemento da xestión das actividades docentes e dos procesos de avaliación virtuais, así como doutro tipo de actividades académicas amparadas pola normativa universitaria.

Lexitimación do tratamento dos datos persoais

A lexitimación do tratamento de datos persoais na dita contorna ten o seu fundamento na relación xurídica que vincula o profesorado e o estudantado coa Universidade de Vigo.

  • Probas de avaliación virtuais. O control visual da imaxe do estudantado durante a realización das probas de avaliación virtuais e, no seu caso, a gravación da súa voz/imaxe nas probas de avaliación virtual orais, (sen prexuízo do deber de proporcionarlles información previa), está amparada polo artigo 6.1 e) do Regulamento (UE) 2016/679 no que, o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou en exercicio dos poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, xa que é necesario para a prestación do servizo de educación superior, amparado polo artigo 46.3º da Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, que prevé que as universidades establecerán os procedementos de verificación dos coñecementos do estudantado. Polo tanto, non require o consentimento previo do estudantado.
  • Clases virtuais. O profesorado deberá advertir da gravación da voz/imaxe do estudantado durante unha clase virtual, proporcionándolle información previa antes do comezo da clase, así como as finalidades docentes para as cales se necesita. A gravación resultará voluntaria para o estudantado, que en tal caso poderá acceder á aula virtual como oínte, desactivando a cámara e o micrófono e formulando as súas consultas a través do chat. Este tratamento tamén pode estar lexitimado polo artigo 6.1 e) do Regulamento (UE) 2016/679, en tanto teña unha finalidade exclusivamente educativa e o seu acceso estea limitado ao profesorado e ao estudantado da materia, sen que poida ser utilizado ulteriormente para outros fins distintos, como pode ser a súa divulgación pública, que requiriría o consentimento expreso da persoa afectada.
  • Acreditación da identidade do estudantado. A Universidade de Vigo ten dúas vías esixibles e non excluíntes para a acreditación da identidade do estudantado, para as probas de avaliación virtuais, as actividades docentes e outro tipo de actividades académicas. Ámbas as dúas están amparadas polo artigo 6.1 c) do Regulamento (UE) 2016/679 no que o tratamento é necesario para o cumprimento dunha obriga legal polo responsable do tratamento e polo artigo 6.1 e) do Regulamento (UE) 2016/679 no que o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou en exercicio dos poderes públicos conferidos ao responsable do tratamentoPor un lado, o sistema de acreditación mediante clave concertada, facilitada e xestionada pola Universidade de Vigo, que está lexitimada polo artigo 9 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. E, por outro lado, mediante a exhibición do documento nacional de identidade ou pasaporte do estudantado en calquera momento da realización das probas de avaliación, que poderá requirir o profesorado, lexitimado polo artigo 25.7 do RD 1791/2010, de 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario.

Comunicacións e transferencias internacionais

Non se prevén comunicacións nin transferencias internacionais, excepto, de ser o caso, para finalidades específicas nas que o profesorado ou os servizos responsables deberán recoller expresamente os consentimentos.

Prazo de conservación

Os prazos de conservación dos tratamentos de datos e a custodia dos exames serán os necesarios para o desenvolvemento das finalidades descritas, durante o tempo suficiente que asegure o cumprimento dos obxectivos, así como das revisións dos exames e para dirimir as posibles responsabilidades que se puideran derivar, tendo en conta a normativa de arquivos.

As gravacións das probas de avaliación na contorna virtual deberán conservarse durante o mesmo prazo indicado na normativa da Universidade de Vigo para as probas presenciais.

Dereitos

As persoas terán dereito a solicitarlle ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento. Tamén terán dereito a oporse ao devandito tratamento, así como a solicitar, salvo nos casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade destes datos.

Os devanditos dereitos poderanse exercer mediante unha solicitude dirixida á Reitoría da Universidade de Vigo e presentada ante a súa sede electrónica.

Igualmente poderán dirixirlle a solicitude directamente á Delegada de Protección de Datos mediante un correo electrónico a dpd@uvigo.gal.

Así mesmo, de non ser atendidos os seus dereitos pola Universidade de Vigo, as persoas terán dereito a presentar unha reclamación ante a AEPD.

Información sobre a propiedade intelectual

Nas tarefas que impliquen creación intelectual, manexo de datos persoais, imaxes de terceiras persoas ou expresións subxectivas do alumnado, cumprirase cunha aplicación estrita do principio de limitación de finalidade do tratamento, circunscribindo o seu uso aos fins propios da avaliación, con prohibición de uso para calquera outra finalidade, non admitindo usos compatibles sen o consentimento previo das persoas interesadas, quedando prohibido comunicar os datos persoais tratados a terceiros non implicados no proceso de avaliación.

A eventual explotación dos dereitos de propiedade intelectual relativos ás gravacións das sesións de clase virtual pola Universidade de Vigo, como titular dos devanditos, pode conlevar, en relación co seu profesorado, para o curso académico correspondente, a posible captación da súa imaxe, a fixación da súa intervención en calquera soporte audiovisual da Universidade de Vigo, así como a súa reprodución na contorna da aula virtual, o que se autorizará unicamente nos medios proporcionados pola Universidade, sendo posible o seu uso en cursos posteriores ou para fins distintos só cando se limite exclusivamente á intervención do profesorado desta Universidade, debendo solicitarse o consentimento expreso si incorporasen datos, imaxes ou sons do estudantado.

Os recursos e os materiais, en calquera soporte, que o profesorado poña á disposición do estudantado nas diferentes plataformas e recursos electrónicos ofertados pola Universidade de Vigo serán utilizados coa finalidade de preparar e impartir as correspondentes materias e actividades nas que estea matriculado o estudantado durante o curso académico.

Máis información na web da Universidade de Vigo.