Póster científico

Poster Rendemento Mulleres Enxeneria Catedra Feminismos 40

Rendemento académico e egreso das mulleres nos graos de enxeñaría da UVigo

O proxecto Rendemento académico e egreso das mulleres nos graos de enxeñaría da UVigo foi desenvolvido por persoal investigador da Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña . Nel, analízase, por unha banda os datos de ingreso, desenvolvemento e egreso dos estudos de enxeñaría que se imparten nos campus de Vigo e Pontevedra dende a súa implantación e dende unha perspectiva de xénero. Por outra banda, analízase a situación laboral das egresadas destes estudos a partir dos resultados de enquisas . No estudo analizáronse tamén os datos dispoñibles de outros estudos masculinizados, como os de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade de Coruña e de estudos moi como as titulacións de ciencias da saúde da Universidades de Vigo.

Constátase o estancamento na proporción de mulleres matriculadas nestes estudos de enxeñaría, que acada un valor medio do 23%; porén, confírmase o carácter menos masculinizado dalgunhas titulacións como Enxeñaría Química (50% de mulleres) que contrasta con Enxeñaría Eléctrica (20% de mulleres. A pesar da situación de desvantaxe numérica das mulleres, estas amosan un rendemento académico máis satisfactorio que os homes en termos de número de créditos avaliados e superados respecto dos matriculados. Porén, non se atopan diferencias entre homes e mulleres respecto a como taxa de graduación, nota media de egreso, taxa de abandono ou duración dos estudos.

Os resultados da enquisa (509 respostas – 33% mulleres, 67% homes) mostran que unha gran porcentaxe – 68%- dos homes egresados que traballan na actualidade no eido dos seus estudos, asegura non ter detectado ningún tipo de discriminación de xénero no ámbito laboral; polo contrario, soamente un 2% das mulleres enquisadas que están a traballar na actualidade non recoñecen situacións de discriminación por xénero. As mulleres enquisadas destacan o ninguneo profesional (54,1%), a existencia da fenda salarial (47,5%), as dificultades para promocionar (45,9%) e o acoso sexual por razón de xénero (14,8%) como tipos de discriminación por razón de xénero máis detectados nos seus postos de traballo. Conclúese tamén que son as mulleres as que nunha maior porcentaxe apuntan a necesidade de medidas de conciliación da vida familiar e laboral para acadar maiores cotas de igualdade.

Autoras da investigación:
  • Teresa Rivas Brea Investigadora principal). TU Dpto. Enxeñaría dos recursos naturais e m.a. E. E. Minas e Enerxía. UVIGO.
  • María Asunción Longo González. T.U. Dpto. Enxeñaría química. E.E. Industrial. UVIGO.
  • Soledad Torres Guijarro, C.D. Dpto. Teoría da Sinal, E.E Telecomunicación, UVIGO.
  • Ana Jesús López Díaz , T.U. Dpto. Enxeñaría Naval e industrial. Escola Politécnica Superior. Universidade de A Coruña.
  • Ángeles Saavedra González, T.U. Dpto. Estatística e investigación operativa. E. E. Minas e Enerxía, UVIGO.
  • María Araújo Fernández, C.D. Dpto. Enxeñaría dos recursos naturais e m.a. E. E. Minas e Enerxía. UVIGO.