Revista GENDER ON DIGITAL. Journal of Digital Feminism
O obxectivo da revista é construir un espazo de reflexión científica crítica (e, polo tanto, feminista) en torno as transformacións da sociedade en relación coa irrupción das novas tecnoloxías da comunicación e a conseguinte dixitalización de todas as esferas da vida, pois aínda que levamos máis dunha década facendo un uso masivo do espazo virtual (Internet, redes sociais, wikicontidos, etc) e cada vez somos máis “habitantes da pantalla”, esta tendencia acelerouse a raíz da pandemia, a hexemonía da “economía de datos” (Carissa VELIZ, 2020) e do “capitalismo de vixilancia” (Shoshana, ZUBOFF, 2020), convertendo a nosa existencia nunha especie de “cibervida”.
Cunha periodicidade anual, e coa finalidade de afondar máis nos temas tratados nos workshops-Hackeando o Patriarcado, cada número da revista abordará a temática de cada unha das edicións. Así as persoas relatoras poderán colaborar enviando os seus artigos.
Esta revista está orientada a un público especializado do ámbito científico-tecnolóxico, das ciencias sociais e das humanidades localizado no pensamento crítico fronte a todas as transformacións derivadas da dixitalización das nosas vidas, en especial das consecuencias na reprodución das desigualdades reais e efectivas entre mulleres e homes.