Que é a Cátedra de Feminismos 4.0

A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo ten como obxectivo incrementar a presenza de mulleres nas áreas coñecidas como STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. Ademais, é imprescindible abordar, desde a perspectiva de xénero, as expresións de machismo e misoxinia nas redes e na Internet, entre gamers, algoritmos con rumbos androcéntricos, videoxogos, memes, asistentes de voz, wikicontidos, etc, onde o nesgo sexista, as masculinidades tóxicas e as actitudes misóxinas seguen presentes e os contidos feministas ou certas partes do corpo das mulleres son censurados.

Cales son as súas funcións

A porcentaxe de alumnas matriculadas nas denominadas carreiras STEM é só do 25%. A Cátedra pretende invertir esta situación visibilizando a académicas e profesionais destes ámbitos que sirvan de referentes ás novas, para lograr que as mulleres participen dunha forma progresiva nas grandes decisións económicas, sociais, ambientais, e de transformación política que afectan ao planeta. A Cátedra fomentará recursos tecnolóxicos inclusivos e igualitarios, para aumentar a presenza feminina en todos os ámbitos da intelixencia dixital, e combater o machismo dixital, a censura que sofre o activismo feminista ou as novas formas de ciberviolencia sexual, cada vez máis fortes.

Dirección

Águeda Gómez é a directora da Cátedra de Feminismos 4.0 e tamén a actual directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Comité de Sabias

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo nace para dar resposta a dúas cuestións urxentes. A primeira: identificar cales son os retos da sociedade dixital para que as mulleres accedan a ela en condicións dignas e igualitarias. A segunda: definir as accións que deben impulsarse para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes no universo dixital.

“Esta cátedra quere hackear ao patriarcado e colorear de lila os contidos dixitais para converter a nosa sociedade nun espazo máis xusto.”

Águeda Gómez, directora da Cátedra de Feminismos 4.0 e actual directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Entidades responsables da Cátedra

Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo

Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra

Opinións sobre a Cátedra

Mari Lires

Mari Lires

Doutora en Química

“A Cátedra recolle unha reivindicación histórica dos Estudos Feministas e de Xénero: promover accións e proxectos de investigación específicos. Parabéns á Universidade de Vigo e á Deputación de Pontevedra por esta iniciativa no contexto da sociedade rede ou dixital, na que constitúe unha necesidade imperiosa o desenvolver e espallar perspectivas críticas feministas.”

Mari Lires. Científica galega Doutora en Química e profesora da Universidade de Vigo no departamento de Didácticas Especiais na Factultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra

luz_castro

Luz Castro Pena

Doutora en Informática

“Aumentar a presenza de mulleres nas carreiras científicas ten unha especial importancia nun mundo cada día máis tecnolóxico e dixitalizado. Neste sentido, deberían coordinarse os esforzos das tres universidades galegas coas administracións públicas e organismos privados no traballo conxunto que nos permita conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.”

Luz Castro Pena. Doutora en informática. Docente na UDC. Socia fundadora de imaxin|software. I Premio Ada Byron do CPEIG

marina_amoros

Marina Amores

Comunicadora audiovisual

“O labor da Cátedra de Feminismos 4.0 faise imprescindible no avance social e cultural da sociedade, dotando a mulleres referentes dun altofalante e unha visibilidade, non só para inspirar ás xeracións máis novas, senón tamén para mostrar a toda a sociedade que o movemento feminista segue sendo máis necesario que nunca e que as tecnoloxías e as novas ferramentas son igual de importantes para iso.”

Marina Amores (Blissy). Comunicadora audiovisual de videoxogos. Máster en Teoría e Práctica do Documental Creativo. Creadora do blog A-Fregar. Organizadora principal de Gaming Ladies. Redactora, analista, reporteira e presentadora en Eurogamer.es

soledad_torres

Soledad Torres Guijarro

Enxeñeira en Telecomunicacións

“Grazas aos proxectos de investigación financiados pola Cátedra Feminismos 4.0 puiden formar equipos de investigación integrados por investigadoras do ámbito TIC e expertas en xénero. Desta necesaria interdisciplinariedade aprendemos todas, facilitando a introdución da perspectiva de xénero en toda a nosa investigación.”

Soledad Torres Guijarro. Doutora Enxeñeira en Telecomunicacións, especializada en Tratamento Dixital de Sinais. Docente na Universidade de Vigo. Tesoureira do nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal)