Póster científico / 1ª edición Cátedra Feminismos 4.0
Un achegamento ao discurso sobre a situación das mulleres nas enxeñarías de telecomunicación e informática
O punto de partida do estudo foi a constatación da diminución da presenza feminina ata as cifras actuais nos estudos de enxeñaría de telecomunicación (20,4%) e de informática (11,9%). A ocupación feminina especializada en TIC é dun 17,4% e a fenda salarial dun 22,4%.
Entrevistouse a oito mulleres, profesoras e investigadoras das tres universidades do Sistema Universitario Galego, e organizouse un grupo de discusión internivelar. O discurso emerxente oscila entre responsabilizar ás mulleres de “eleccións erradas” e admitir a existencia de estereotipos sociais. Non se percibe a necesidade de mudanzas nos estudos nin nas institucións, a valoración das enxeñarías é inmellorable e, como moito, proponse amosar modelos femininos, organizar charlas informativas e, nalgún caso, establecer mentorías. Non cuestiona o modelo patriarcal dominante.
O equipo investigador conclúe que o enfoque “fagamos que as mulleres accedan ás enxeñarías”, en por si, non produce mudanzas. Propón elaborar un Plan de Intervención: escoitar ás rapazas e ás mulleres, desvelar o androcentrismo das disciplinas e das institucións, amosar os mecanismos de exclusión, profundar na investigación, partir das potencialidades das mulleres e non das carencias, probar que a presenza de mulleres mellora os resultados xerais, salientar utilidades sociais das enxeñarías, ancorar o Plan nos Obxectivo 5, Igualdade de Xénero, da Axenda 2030.
Investigadora responsable: María Álvarez-Lires
Equipo investigador da Universidade de Vigo: María Álvarez-Lires, Azucena Arias-Correa, María Lorenzo-Rial, Uxío Pérez- Rodríguez, Mercedes Varela-Losada, Francisco Serrallé-Marzoa, Tamara Amorín de Abreu
Traballo de campo: Xabier Álvarez-Lires