Validación dun cuestionario de barreiras á actividade física en mulleres con perspectiva dixital e de xénero (MuBAF)
O proxecto Validación dun cuestionario de barreiras á actividade física en mulleres con perspectiva dixital e de xénero (MuBAF) ten como obxectivo desenvolver e validar unha ferramenta que permita identificar, desde unha abordaxe multidimensional, os principais obstáculos que condicionan a práctica de actividade física nas mulleres. Partindo da idea de que comprender as barreiras é o primeiro paso para derrubalas, o estudo integra unha perspectiva de xénero e un enfoque adaptado aos contextos dixitais actuais.
O cuestionario MuBAF foi deseñado para recoller factores físicos, emocionais, sociais e simbólicos que inflúen na participación das mulleres na actividade física, incluíndo aspectos como a inseguridade para facer exercicio soa en determinados espazos, a percepción de ser xulgadas polo seu corpo, a falta de motivación, os síntomas asociados ao ciclo menstrual ou a maior exposición a comentarios negativos en contextos públicos. A ferramenta foi administrada en liña mediante código QR a unha mostra de 105 mulleres, combinando estudantes e mulleres en distintas situacións laborais e vitais.
A análise psicométrica amosa resultados moi sólidos, cunha excelente fiabilidade test–retest e indicadores axeitados de erro de medición e cambio mínimo detectable, así como evidencias de validez converxente. As conclusións confirman que o MuBAF é un instrumento válido e fiable, capaz de incorporar barreiras específicas das mulleres nun contexto dixital e social complexo.
Este cuestionario constitúe unha ferramenta útil para deseñar políticas, programas e accións de promoción da actividade física que teñan en conta a perspectiva de xénero, contribuíndo á redución das desigualdades e á mellora do benestar e da saúde das mulleres.
Equipo:
Varela, S; Carballo-Afonso, R.; Blanco-Martínez, N.; Sánchez-Lastra, M.A.; Ayán-Pérez, C. Universidade de Vigo. Grupo de Investigación WellMove.

