A 5º edición do Workshop analiza o traballo das creadoras de contido e das artistas e activistas dixitais.
Baixo o lema Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en construción, a quinta edición do workshop celebrada esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus de Pontevedra, serviu para reflexionar sobre a creación de contidos feministas e a construción da denominada «feminisfera» ou esfera dixital feminista como forma de frear as novas estratexias patriarcais que se manifestan a través da misoxinia dixital da manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado e pretende disciplinar a presenza das mulleres no espazo dixital.
No acto participou a Vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón Caeiro quen destacou tanto o compromiso coa igualdade da UVigo como o da Deputación de Pontevedra cunha cátedra que impulsa “ano tras ano”, unha serie de accións “absolutamente necesarias”, xa que teñen como obxectivo “dar visibilidade a problemas cos que é necesario acabar para que haxa unha igualdade real”.
O obxectivo da xornada era coñecer como se está construíndo o ecosistema dixital feminista a través da análise e do traballo das creadoras de contido e das artistas e activistas dixitais que, pese ás resistencias dos usuarios anti-feministas en certos espazos do ecosistema dixital e á “represión” e a falta de visibilidade e a censura de parte do seu traballo por parte das grandes plataformas, conseguen construír espazos de reflexión, humor e creación feminista moi interesantes e nutren un mundo dixital alternativo ao machismo e á misoxinía.
A catedrática e investigadora Isabel Menéndez defendeu a construción de memes desde espazos colectivos de activismo feminista porque “son accións que provocan reflexións profundas a través de relatos que discuten o mandato de xénero, usando o humor para viralizar as mensaxes e lograr así un importante labor de pedagoxía social”. Menéndez engadiu que estas creacións, a cabalo entre o activismo e a arte, “axudan a revitalizar a participación política e dan voz a colectivos subalternos, visibilizan as desigualdades, e explican partes do argumentario feminista que non sempre son ben entendidas”.
A investigadora tamén alertou sobre as respostas reaccionarias do machismo dixital e explicou que “os memes pasaron de constituír ferramentas de activismo político feminista a ser apropiados polo antifeminismo, que os banaliza e os desposúe do seu contido ideolóxico orixinal”.
Neste sentido explicou que a manosfera está a producir unha (re)cofiguración do imaxinario sobre a violencia sexual a través dunha variedade de prácticas sociais dixitais que, co obxectivo de restaurar a hexemonía masculina, producen un coñecemento de xénero masculinista que normaliza e lexitima a violencia sexual cometida contra mulleres. “Abordar a manosfera é urxente” alertou Menéndez- xa que a súa existencia ten serias implicacións para os homes, as mulleres, as persoas de xénero diverso e para a sociedade no seu conxunto, xa que contribúe a polarizar o debate público sobre cuestións chave na nosa sociedade, como é a regulación sobre o consentimento nas relacións sexuais, a protección ás vítimas de violencia e o recoñecemento de dereitos das persoas LGTBIQ+. A este respecto, Menéndez afirmou que “as bonecas hinchables que acabamos de ver diante de Ferraz son indicadoras do perigo crecento e do enorme poder que ten a manoesfera para amplificar a través das redes os seus discursos machistas e negacionistas”.
Recollendo estas afirmacións, a seguinte relatora, Anita Botwin, solicitou que as administracións interveñan para que exista nas redes unha moderación de contidos regulada e penalizada. Botwin tamén destacou a necesidade de traballar a reo para desmontar bulos e fake news; e de involucrar no movemento feminista a máis homes que teñan deconstruído as súas masculinidades para lograr que outros homes se identifiquen co discurso da igualdade. Anita Botwin, xornalista de opinión en medios de comunicación como Público, Ctxt, Pikara Magazine, El Salto e actualmente en Diario Red, onde ten relatado as situacións de acoso dixital que sufren as mulleres feministas nos entornos dixitais e que agora se atopa inmersa na denuncia das desigualdades de xénero e o capacitismo co que se atopan as personas con discapacidade, a raíz do seu libro”Pies de Elefante: Una crónica (muy) personal de la esclerosis múltiple” (Ariel), onde relata a súa vida con esta enfermidade e denuncia as desigualdades de xénero e o capacitismo co que se atopan as persoas con discapacidade.
Relatoras protagonistas e investigación presentadas
Os relatorios de Isabel Menéndez e Anita Botwin estiveron conducidos e moderados pola profesora universitaria Encina Calvo, galardonada co segundo Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Investigación en 2022 polas súas investigacións sobre a fenda de xénero en Wikipedia. Ademais, nesta edición, tamén interviron como relatoras outras expertas dos ámbitos da docencia, o xornalismo, a arte, a poesía, a ilustración ou a creación audiovisual. En concreto, na mesa redonda, baixo a coordinación de Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e directora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, intercambiaron experiencias e perspectivas como creadoras de contido Sara Herranz, ilustradora feminista e autora da reedición ilustrada de A muller rota de Simone de Beauvoir; Gemma Marqués, artista e resposable do espazo de creación alternativa La Casa Taller na Guarda ; e Nuria Vil, poeta, resitadora e creadora audiovisual que busca levar a poesía máis alá da escrita.
A xornada rematou coa presentación das pezas resultantes do I Maratón de Creacións Dixitais Feministas, celebrado o pasado 9 de novembro para facilitar un espazo de creación feminista na rede con licenza Creative Commons.
Tamén se espuxeron os posters das seis investigacións financiadas pola Cátedra este ano que poden consultarse na súa web e que son as seguintes:
- Donas do Espazo: estudo exploratorio do hábitat igualitario da cidade de Pontevedra.
- Usos das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde: adaptación do cuestionario SaludDigitalEdu á poboación adolescente galega (SaludDigitalEdu_Gal).
- Toxicidade e violencias machistas nas redes sociais. Estudo cualitativo entre o alumnado da Universidade de Vigo.
- A Outra Cara Da Edición Feminina en Galicia: Ilustradoras, Maquetadoras e Tradutoras no Século XXI.
- Guía operativa para incorporar a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico-industrial
- A aplicación móbil para a mellora na atención e coordinación en violencia de xénero MAX APP.