A revista Gender on Digital nace para difundir coñecemento científico, crítico e feminista
A revista Gender on Digital. Journal of Digital Feminism foi presentada esta mañá no edificio Redeiras da Universidade de Vigo coa participación da directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas; e as investigadoras Amparo Alonso e Soledad Torres, que forman parte do comité científico e son autoras de dous dos artigos desta primeira publicación.
Lucía Muradas destacou que a publicación desta revista supón “un importante fito” e agradeceu o traballo realizado desde a Unidade de Igualdade da UVigo durante estes anos, especialmente a través das iniciativas da Cátedra nas que a Deputación participou “cóbado con cóbado”.
A catedrática da UDC, Amparo Alonso, que participou a través de videoconferencia, puxo o acento na intelixencia artificial e asegurou que “está a resultar unha disciplina transversal omnipresente en todas as dimensións da vida humana e, polo tanto, leva consigo fortes desafíos éticos: un deles é a posible aparición de nesgos de xénero, o que nos obriga a permanecer vixilantes para garantir unha IA ética, fiable e xusta”. Amparo Alonso inaugura o apartado de «Monografías» da revista co artigo «Artificial Intelligence and Gender Bias» (en inglés), no que a autora indaga na nova revolución impulsada pola intelixencia artificial (IA), que está a traer consigo innumerables oportunidades e novas perspectivas, pero que tamén está afectando significativamente ao equilibrio xeopolítico, á sociedade, á economía, ao emprego e á educación. A investigadora asegura que o adestramento de algoritmos realízase seguindo modelos con datos históricos cunha calidade que non é a axeitada, e advirte de que “os rumbos non só están nos algoritmos, tamén poden derivar das desigualdades no acceso á tecnoloxía, ou da falta de diversidade nos equipos”. Neste sentido, celebrou as contribucións da revista a análise desta situación con perspectiva de xénro, diversidade e inclusión e sinalou con esperanza o recente acordo para promover unha lei que regule a IA en Europa.
Soledad Torres, profesora de Telecomunicación e experta feminista, avanzou os resultados da investigación que se publican neste primeiro número da revista dentro do artigo titulado «Gender biases of digital assistants in Spanish» (en inglés), e que revelan que “a maioría de asistentes dixitais en español reforzan as imaxes estereotipadas da muller, utilizan unha linguaxe sexista e toleran os comentarios e o acoso sexual.” Torres fundamentou a necesidade desta revista no “galopante aumento dos nesgos de xénero, que perxudican ás mulleres e a todas as minorías que non están representadas neses grupos de desenvolvemento tecnolóxico que aínda son fundamentalmente masculinos, brancos, cishetero”.
Pola súa parte Águeda Gómez, explicou que o obxectivo da revista é “construír un espazo de reflexión científica crítica e, polo tanto, feminista, en torno ás transformacións da sociedade en relación coa irrupción das novas tecnoloxías da comunicación e a conseguinte dixitalización de todas as esferas da vida, facendo unha chamada de atención urxente sobre a hexemonía da economía de datos e o capitalismo de vixilancia, que converten a nosa existencia nunha especie de cibervida e ameazan os dereitos das persoas, e de forma máis alarmante os das mulleres”. En palabras da directora da Unidade de Igualdade da UVigo e responsable do equipo directivo da revista, “estamos inmersas nunha nova revolución e debemos garantir que este novo universo dixital sexa máis xusto elaborando diagnoses desde unha ollada feminista que nos leve no sentido dun mundo máis igualitario”. Gómez afirmou, que “as desigualdades no acceso ás tecnoloxías están a erosionar a calidade da «conversa global» e das democracias nesta recente «ágora pública»”. Segundo a responsable do equipo directivo, “temos aínda moito por facer a respecto desta nova IA xenerativa en vindeiras convocatorias da Cátedra e a revista” e engadiu que “a carencia de vocacións científicas femininas tamén está contribuíndo a que no deseño do novo mundo dixital impere a percepción dominante de home branco, cishetero, anglosaxón, sobre outras realidades, algo que desde a Cátedra tratamos de corrixir a través dos Premios GirlGeekCovid”.
Gender on Digital: Ciencia feminista para un futuro máis igualitario
A revista Gender on Digital. Journal of Digital Feminism, de periodicidade anual, nace coa vocación de xerar e difundir coñecementos científicos de excelencia mediante a relación entre ciencia, tecnoloxía e sociedade, actuando como ferramenta para elevar a epistemoloxía feminista no ámbito sociotecnolóxico, a fin de establecer un diálogo crítico e ético coa sociedade mediante a transferencia de resultados científicos sobre os saberes académicos no ámbito internacional. Para isto, conta cun comité científico conformado polo Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO- UVigo que recollerá en cada publicación os temas tratados nos workshops Hackeando o Patriarcado.
Este primeiro número reúne os resultados das achegas científicas desenvolvidas no primeiro obradoiro da cátedra titulado «Sociedade dixital e nesgos de xénero», e conta tamén con artigos de fondo doutras expertas. Ademais das colaboracións de Amparo Alonso e Soledad Torres, no apartado de «Investigación» recóllese un artigo colectivo, liderado pola profesora da Universidade de Vigo, Teresa Rivas, cun texto titulado «Abordando la brecha de género en los estudios de ingeniería» (en español), onde se realiza unha análise con perspectiva de xénero sobre o percorrido académico e laboral dentro da área da Enxeñaría, no contexto xeográfico de Pontevedra e no período de 1967 a 2018. Unha das conclusións apunta ás dificultades específicas ás que se enfrontan as mulleres na súa traxectoria laboral como enxeñeiras.
Na sección de «Miscelania», a experta en comunicación e feminismos, Guiomar Rovira, da Universitat de Girona traza, no seu texto titulado «Los feminismos en red: ciberactivismo, hackfeminismo, hashtags y política prefigurativa», unha xenealoxía dende os inicios de internet e o ciberfeminismo como vangarda ata a incursión de multitudes de mulleres conectadas nas redes dixitais, iniciando movementos feministas horizontais, sen liderados fixos e con vocación transnacional. Dende unha ollada latinoamericana, neste artigo analízase a capacidade agregativa e de acción en rede dos femitags (cancelos feministas) e da transnacionalización dos feminismos desta era. Nesta mesma sección, a comunicadora Marga Tojo, como representante da asociación de Xornalistas Galegas, escribe o artigo titulado «Os medios como (re)produtores de ciberviolencia simbólica», onde aborda o rol dos medios como parte dos actores discursivos que garanten o mantemento do estatus en termos de xénero e de certa violencia simbólica; no texto tamén analiza as consecuencia da crecente dixitalización nas narrativas mediáticas, o que esta a supor unha interesante xanela de oportunidade para o cambio no eido da comunicación.
Finalmente, este número remata coa recensión de dous libros fundamentais dentro da reflexión crítica sociotecnolóxica, elaborados pola profesora de Física da USC e experta feminista, Encina Calvo; a profesora de Informática e experta feminista da Universidade de Santiago de Compostela, Eva Cernadas; e a catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Universitat Jaume I, Irene Epifanio. Estas autoras analizan, respectivamente, as obras de Kate Crawford (2023), Atlas de IA. Poder, política y costes planetarios de la inteligencia artificial (en español); e de Catherine D’Ignazio e Lauren F. Klein (2023), Feminismo de datos (en español).
A Revista Gender on Digital. Journal of Digital Feminism está apoiada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, a través do Servizo de Publicacións e da Vicerreitoría de Investigación, que apoiou a creación e a xestión desta revista e a súa indexación e presenza en directorios nacionais e internacionais.
A revista está dispoñible para consulta na páxina da Cátedra a través do enlace https://revistas.uvigo.es/index.php/GOD
Reunión de balance do Comité de Sabias
Trala presentación da revista, o Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo mantivo un encontro virtual no que fixeron balance das accións realizadas en 2023 desde a Cátedra de Feminismos 4.0 e debateron propostas, necesidades e liñas de traballo que deben ser abordadas no próximo ano.