
Gender On Digital abre a convocatoria de achegas para o seu cuarto volume
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo abre a convocatoria de artigos e recensións para o cuarto volume da revista Gender On Digital, que será publicado a finais de 2026 e forma parte do catálogo de publicacións do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
A convocatoria diríxese á comunidade investigadora interesada nos debates feministas arredor da tecnoloxía e da convivencia dixital, unha das liñas estratéxicas de traballo da cátedra. Os artigos deberán contribuír á reflexión científica sobre o impacto das transformacións tecnolóxicas nas nosas sociedades, incorporando unha perspectiva feminista crítica.
Desde a súa creación en 2023, a revista busca consolidarse como un foro de referencia para a análise das transformacións sociais derivadas das novas tecnoloxías, os cambios nas formas de relación e comunicación e os procesos de dixitalización que atravesan a vida cotiá. Gender On Digital naceu coa vocación de promover a reflexión crítica feminista sobre estes fenómenos, prestando especial atención ao papel que as tecnoloxías desempeñan na reprodución, transformación ou intensificación das desigualdades de xénero.
Chamada á participación
A publicación está orientada a un público especializado dos ámbitos científico, tecnolóxico, xurídico, social e humanístico, e convida a presentar traballos que contribúan ao avance do coñecemento sobre feminismos e dixitalización.
As contribucións poden enviarse a través da plataforma da revista: revistas.uvigo.es/index.php/
Para consultas ou información adicional, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico: igualdade@uvigo.gal.
O prazo para o envío de artigos permanecerá aberto ata o 18 de outubro de 2026.
Desde a Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo animamos a investigadoras e investigadores a participar nesta nova edición de Gender On Digital e a contribuír ao fortalecemento dun espazo de diálogo e produción científica comprometido coa análise crítica da sociedade dixital desde unha perspectiva feminista.



