
Presentación do 6º Informe do Observatorio de Machismo Dixital
A Cátedra de Feminismos 4.0, a través do seu Observatorio Stop Machitroles presentou o 6º Informe de resultados, titulado «A violencia machista dixital a través dos medios.Tendencias e representacións na prensa dixital en Galicia.» A presentación tivo lugar este 23 de novembro ás 12:00 na sala de prensa do edificio Redeiras en Vigo (rúa da Ribeira do Berbés, 11) e puido seguirse por streaming.
A apertura do acto correu a cargo da coordinadora de Estratexia da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos e da reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, e foi conducido pola técnica da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Mar Fernández Cendón.
Nesta nova edición, o Observatorio analiza como a prensa dixital galega e estatal con presenza en Galicia está a abordar as violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía, un fenómeno en constante transformación que plantea importantes retos para a igualdade, os dereitos das mulleres e a convivencia dixital.
O acto serviu para presentar as principais tendencias identificadas pola investigación, compartir algunhas das súas conclusións máis relevantes e abrir un espazo de reflexión sobre o papel dos medios de comunicación na comprensión e prevención destas violencias nun contexto marcado pola crecente presenza de novas tecnoloxías e da intelixencia artificial.
O Informe poderá verse neste enlace.



