• Inicio
  • A Cátedra
  • Actividades
  • Investigacións
  • Recursos
  • Blog
  • Contacto
  • Galego
  • Español
Deputación de PontevedraUniversidade de Vigo                        
Catedra FeminismosCatedra Feminismos
  • Inicio
  • A Cátedra
  • Actividades
  • Investigacións
  • Recursos
  • Blog
  • Contacto
  • Galego
  • Español

Accións Cátedra

O Observatorio Stop Machitroles da Cátedra de Feminismos 4.0 achega unha primeira radiografía da violencia machista dixital no sur de Galicia

  • Categorías Accións Cátedra
  • Data Xaneiro 27, 2022
Presentacion informe Stop Machitroles - Catedra Feminismos 2022

A Cátedra de Feminismos 4.0, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, presentou o primeiro informe do Observatorio Stop Machitroles, que achega unha primeira radiografía da violencia machista dixital no eido territorial do sur de Galicia.

En concreto, permitiu identificar tres tipos de violencias online a través dos datos recollidos de vítimas anónimas. Esta tipoloxía elaborouse a partir dos datos recollidos polo Observatorio desde a súa creación en xuño de 2021. A través da web da Cátedra recompila datos de forma anónima de mulleres que experimentaron violencia machista dixital. Estes datos pódense achegar a través do seguinte formulario.

Un contexto preocupante

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de inaugurar o acto, e quixo comezar agradecendo a colaboración da Universidade para facer realidade a Cátedra de Feminismos 4.0 e, en especial, o apoio do reitor da Universidade, “porque é importante poñer en valor os homes feministas”. Manuel Reigosa respondeu a estas palabras da presidenta provincial recoñecendo que este acto lle supoñía “un certo carrusel de emocións, porque ser considerado feminista é para min unha honra e un orgullo”. Pero, ao mesmo tempo, o contexto que se reflicte no informe é, recoñecía, “preocupante”, con situacións que “atentan de xeito absolutamente descarnado contra a igualdade”. Na súa opinión, son ataques que fan que moitas mulleres “acaben aburridas e agochen a súa mensaxe”. O reitor da UVigo tamén se amosou “moi orgulloso do traballo da Unidade Igualdade e de que a nosa institución teña elixido como un dos tres eixos de desenvolvemento futuro dentro do seu Plan Estratéxico por unanimidade o tema de igualdade”.

Presentacion informe Stop Machitroles 2022 - Catedra Feminismos

Sobre o contexto no que nace este primeiro informe sobre violencia machista dixital en Galicia, Carmela Silva lembrou que “intuitivamente non temos ningunha dúbida de que os espazos tecnolóxicos e as redes sociais son lugares non seguros para as mulleres, sufrímolo todas, particularmente as que temos presencia pública”. Non obstante, recalcou, “o mundo non avanza se ao que intuímos non se lle achega a análise, o coñecemento, estudos que permitan situar con claridade cal é esta realidade”, e esa é a finalidade do Observatorio Stop Machitroles.

Neste sentido, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, recalcou que tras máis dunha década uso masivo de redes sociais son escasos os datos sobre a prevalencia e as formas destas violencias en liña. Este estudo trata de “achegar algo de luz sobre o comportamento deste tipo de violencias”.

Tipos de violencia identificados

O contido do informe achega, por tanto, datos que permiten avaliar a forma de operar  das violencias machistas dixitais no ámbito territorial do sur de Galicia. Neste sentido, e sempre a partir da información obtida, identifícanse tres violencias diferentes.

Unha delas son os ataques machistas individualizados. Están dirixidos a mulleres só polo feito de ser mulleres. Buscan desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e adoitan actuar contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas, ou académicas.

Utilizan fórmulas moi diversas como o ciberacoso ou cyberbullying, mansplaining, hatespeech, flaming, e-bile, doxxing, crackeo de contas, acusacións falsas, suplantación de identidades ou utilización de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres.

O segundo tipo correspóndese coas violencias sexuais dixitais. Están destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres, mediante distintas accións. Entre elas, comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e as ameazas de violación;  pornovinganza (1) e pornografía non consentida ou distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación online,  rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía.

En moitos casos, as persoas que perpetran esas accións proceden do ámbito próximo da muller agredida: ex parellas, familiares, compañeiros de estudos ou de traballo, veciños ou clientes.

Por último, hai un terceiro tipo, denominado misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera. Trátase dunha estratexia destinada a facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital, coa conivencia das grandes empresas tecnolóxicas (Twitter, Youtube, Facebook, TikTok, Telegram, Twich, Google, etc.) e das institucións públicas.

A través dun patrón estrutural organizado e altamente sofisticado a nivel tecnolóxico, atacan sistematicamente servidores, sitios web e contidos, conseguen peche de contas e executan accións masivas contra  discursos e perfís feministas.

Ataque experimentado polo Observatorio

Precisamente este último tipo de violencia foi a que sufriu o propio Observatorio entre os días 24 e 25 de xuño de 2021, xusto o día posterior ao lanzamento desta iniciativa. Experimentouse un ataque masivo procedente do ecosistema da manoesfera nacional co fin de boicotear esta iniciativa da Cátedra, concretamente dende o portal Forocoches.

Este portal conta con casi 900.000 contas ou perfis rexistrados, segundo a propia compañía e con máis de seis millóns de persoas usuarias únicas por mes. Nalgunhas discusións predominan ideas propias da extrema dereita, o fascismo e de desprezo palpable respecto ás mulleres e ao feminismo.

Neste ataque observouse o mesmo modus operandi en distintos feitos acontecidos nas redes sociais. A falta de datos públicos, oficiais e dispoñibles deste tipo de ataques, non debe considerarse un feito accidental e illado, senón produto dunha violencia sistémica coa conivencia, permiso e mesmo auspiciada polos propios xigantes tecnolóxicos.

Debate con Elisa García-Mingo

Tras a presentación do informe celebrouse un debate con Elisa García-Mingo, profesora do Departamento de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, especializada na socioloxía do xénero, a socioloxía da violencia, os estudos culturais e a metodoloxía da investigación social. A experta destacou a necesidade de afondar no coñecemento científico desta realidade con investigacións e estudos como os que realiza esta cátedra.

Elisa Garcia-Mingo

Segundo manifestou, “en Internet non só xorden novos espazos de banalización e no que se ataca ás mulleres, como Forocoches, senón que tamén están aparecendo novas violencias sexuais, que son tan graves como as físicas”.

A xornada complétase cun obradoiro de autodefensa dixital feminista que se celebra na tarde do mesmo xoves 27 de xaneiro e, unha segunda sesión, o xoves 3 de febreiro.

Outras accións complementarias

Ante este panorama, a Cátedra de Estudos Feministas 4.0 pretende ser un laboratorio de ideas (think tank) e una ferramenta feminista para afrontar estes desafíos. Por una banda, creando helplines (liñas de axuda) como o Observatorio Stop Machitroles para reportar, visibilizar e denunciar ante as plataformas comerciais virtuais, ante as institucións públicas e ante a sociedade este tipo de violencias machistas en liña. Tamén, afondando no coñecemento científico desta realidade con investigacións realizadas na Cátedra.

Por outra banda, a Cátedra continuará acompañando e seguindo a senda das mulleres líderes e expertas, como as que participaron nos workshops da Cátedra, entre elas Karina Gibert, Lorena Fernández, Nerea Luis, Amparo Alonso, Soledad Torres, Rebeca Díaz e un longo etcétera. Elas son representantes das mellores mentes do noso tempo, que están a liderar a construción dun hábitat virtual igualitario e común.

Unha violencia en liña con efectos físicos

Aínda que a violencia machista dixital a priori parece menos perigosa para as mulleres por non ser física, pode ser moito máis prexudicial a longo prazo, e tamén afecta á saúde física e psicolóxica.

Por isto, o Observatorio non só quere denunciar a incidencia das violencias machistas na Rede, senón tamén ser proactivo e impulsar estratexias colectivas e contracampañas feministas (como o #MeToo, #Cuéntalo, #YoSiTeCreo, #NiUnaMenos) e crear produtos culturais feministas (memes, vídeos, etc., froito da creatividade, humor e retranca galega feminista) que axuden a construír o contradiscurso das mulleres no espazo público dixital.

CONSULTA O INFORME COMPLETO AQUÍ

(1) Ese termo é cuestionado por algunas activistas feministas (Lei Olimpia en México) pois consideran que o concepto de “vinganza” dá por suposto que elas fixeron algo malo e eles se “vingan” e iso non é así. Quizais o máis correcto é chamalo “violencia sexual dixital non consentida”.

 

 

  • Comparte:
Catedra Feminismos 4.0

Post anterior

O primeiro informe sobre violencias machistas dixitais do Observatorio 'Stop Machitroles' presentarase o 27 de xaneiro
Xaneiro 27, 2022

Seguinte post

A segunda edición dos Premios GirlGeekCovid recoñecerá o 3 de febreiro os mellores expedientes femininos en Ciencias e Enxeñaría da Universidade de Vigo
Febreiro 1, 2022

You may also like

pggp_2025_001
A quinta edición dos Premios GirlGeekPower recoñecerá o martes 10 de decembro os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo nas carreiras de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura
5 Decembro, 2024
portada_1920x1080
6ª Edición do workshop Hackeando o patriarcado. A fenda de xénero no ecosistema dixital: Análise e activismo fronte á desigualdade
10 Novembro, 2024
imagen-web
O 28 de outubro preséntase o cuarto informe Radiografía da violencia machista dixital na prensa galega
26 Outubro, 2024

Respostar Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Buscar

Categorías

  • Accións Cátedra
  • Blog
  • Mulleres na Ciencia
  • Premios

Posts recentes

A quinta edición dos Premios GirlGeekPower recoñecerá o martes 10 de decembro os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo nas carreiras de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura
05Dec2024
6ª Edición do workshop Hackeando o patriarcado. A fenda de xénero no ecosistema dixital: Análise e activismo fronte á desigualdade
10Nov2024
O 28 de outubro preséntase o cuarto informe Radiografía da violencia machista dixital na prensa galega
26Out2024

Posts recentes

A quinta edición dos Premios GirlGeekPower recoñecerá o martes 10 de decembro os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo nas carreiras de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura
05Dec2024
6ª Edición do workshop Hackeando o patriarcado. A fenda de xénero no ecosistema dixital: Análise e activismo fronte á desigualdade
10Nov2024
O 28 de outubro preséntase o cuarto informe Radiografía da violencia machista dixital na prensa galega
26Out2024

A Cátedra

  • A Cátedra
  • Actividades
  • Documentos
  • Blog
  • Contacto

Recursos

  • Documentos externos
  • Actividades externas
  • Enlaces de interese
  • Mulleres na ciencia
 

+34 986 81 34 19

igualdade@uvigo.gal

Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo impulsada pola Deputación de Pontevedra. e a Universidade de Vigo.

  • Aviso legal
  • Protección de datos
  • Accesibilidade